Misión cumprida ante a crise- Xosé A. Gaciño

 

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oSeguro que Rodríguez Zapatero tivese desexado no seu momento poder agarrarse a calquera dato positivo para intentar chegar á final da súa segunda lexislatura cunhas mínimas posibilidades de manterse no goberno. A crise ía engulindo implacabelmente aos gobernantes que tiñan que pasar polas urnas. Albiscar brotes verdes e luces á final do túnel converteuse nunha obsesión para o presidente e os seus ministros. Ninguén sabía cánto podía durar a catástrofe financeira, aínda que todos os expertos se apresuraban a predicir longos períodos de carencias e austeridades, como para compensar que case ningún deles soubera prevela (ou non se atrevera a predicila para non romper o encanto da especulación perpetua, que, no fondo, tamén lles beneficiaba).

Pero o entón presidente do goberno español non puido chegar a ver florecer os brotes verdes desde La Moncloa. Adiantou as eleccións no 2011 cando xa non soportou máis a presión, ou quizais porque non veu trazas de que a situación puidese emendarse a tempo: de feito, o que debía ter sido o seu último ano de lexislatura (2012) foi o peor de todo o proceso. Perdera a oportunidade de ter dimitido e ter adiantado as eleccións en condicións máis honorábeis no 2010, cando as presións europeas e estadounidenses lle obrigaron a abandonar as últimas veleidades socialdemócratas na súa batalla contra a crise.

O caso é que volven albiscarse os brotes verdes, agora con Rajoy presidindo o goberno. Pasados os momentos máis dramáticos do 2012, coa prima de risco por enriba dos cincocentos e o rescate disfrazado de liña de crédito para bancos en apuros (determinadas caixas que soñaran en converterse en xigantes financeiros e cuxos executivos comezaron por autorretribuírse como se xa o fosen), e o deserto investidor do 2013 en crecemento negativo (é dicir, sen crecemento e co emprego en cotas lamentábeis), en canto o produto interior bruto medrou unhas décimas xa está a montar o goberno a celebración da fin da crise e do comezo da recuperación económica.

O presidente Rajoy practicamente non falou doutra cousa no debate sobre o estado da nación das marabillas e estes días ven de celebrar un foro internacional en Bilbao para recibir o respaldo compracente dos titores do alumno avantaxado, iso si, con novos deberes marcados sobre a marcha: hai que profundar nas reformas do mercado laboral, é dicir, hai que seguir insistindo na dirección xa emprendida na reforma laboral deste goberno (que, á súa vez, non o esquezamos, seguiu a tendencia marcada timidamente polo goberno socialista) para que o empresario dispoña das maiores facilidades para marcar salarios e condicións de traballo, como única maneira de fomentar a creación de emprego.

En realidade, non lle faltan razóns á dereita para celebrar a situación. A falta dese grao máis de reforma profunda que recomenda/ordena a directora xerente do Fondo Monetario Internacional, a misión fundamental deste goberno está cumprida: recorte do gasto público nos apartados sociais e asistenciais –para que a iniciativa privada dispoña de novas áreas de negocio– e recortes dos dereitos laborais, para xeneralizar a precariedade. A partir de aí, a maquinaria de propaganda empeza a funcionar para intentar convencer á sociedade de que efectivamente florecen os brotes verdes e que se volve crear emprego. E despois deste duro período de adaptación, é probábel que a xente mesmo respire con certo alivio ante a posibilidade de empezar a atopar traballo, sexa cal sexa o traballo, sexa cal sexa o salario e sexan as que sexan as condicións nas que se traballe.

Que iso lle sirva á dereita para gañar as próximas eleccións é outra cuestión. Como é outra cuestión que haxa alternativas de esquerda que poidan gañar as eleccións e que poidan, en caso de gañalas, desmontar a precariedade laboral que ambicionaban os que teñen a última palabra en materia de investimentos e creación de emprego. En todo caso, esta non será a última crise aguda dun sistema que vive na crise crónica.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.