O regreso das balanzas fiscais- Xesús Veiga

 

1f31c-xesusveigaAs balanzas fiscais retornan ao primeiro plano da actualidade política.En realidade nunca abandonaron o amplo escenario das polémicas relativas ao financiamento das CC.AA. por mais que só no ano 2008, durante o goberno de Zapatero, foron publicadas oficialmente polos organismos dependentes da Administración do Estado.E, por suposto, sempre estiveron presentes nos debates e contrastes propios do mundo académico.

 Antes de que os cálculos partidarios do ministro Montoro arruínen seriamente as posibilidades construtivas destas ferramentas analíticas, resulta pertinente formular algunhas cuestións previas á futura publicación dos datos numéricos prometidos polos voceiros gobernamentais.

As balanzas fiscais son fotografías parciais da realidade. As relacións económicas entre dous ou mais territorios non deben ser reducidas á contabilización dos fluxos monetarios que se rexistran entre eles (a través dos impostos e cotizacións sociais e dos gastos e investimentos das administracións públicas de referencia). Estes fluxos non reflicten completamente a realidade pasada e presente das relacións económicas tecidas no ámbito do Estado español. Deberíanse analizar simultaneamente, por exemplo, os fluxos de mercadorías, de man de obra, de recursos financeiros e o custe dos impactos medioambientais derivados do modelo de crecemento rexistrado nas últimas décadas.

Non existe,por outra banda, un consenso inequívoco (entre os especialistas e, moito menos, entre os representantes das institucións políticas) a respeito dos criterios de contabilización que deben ser empregados no cálculo das devanditas balanzas. Resulta moi discutíbel, por exemplo, o método que se debe seguir para computar as cotizacións e as pensións do sistema da Seguridade Social: os cambios de residencia operados polos beneficiarios (cotizar en Catalunya,Madrid ou Pais Vasco e cobrar en Galiza) poden distorsionar parcialmente os resultados. Os criterios de imputación do imposto de sociedades, dos fondos europeos ou dos intereses da débeda pública tamén ofrecen unha ampla marxe de polémica.

En todo caso, a fotografía das balanzas publicadas no ano 2008 polo Ministerio de Economía non ofreceu novidades de importancia. Se aceitamos como criterio redistributivo mínimo (certamente moi pouco ambicioso) que as Comunidades Autónomas “aporten” en proporción ao seu nivel de renda e “reciban” en proporción a súa poboación, os resultados correspondentes ao ano 2005 (só a ese ano:outra importante limitación, mesmo recoñecida polos autores) movéronse en porcentaxes moi próximos a ese criterio agás nos casos do Pais Vasco e da Comunidade Foral de Navarra. Claramente, estes territorios “aportaron” moi por debaixo do seu nivel de riqueza.

A lóxica presente nalgúns discursos sobre as balanzas fiscais agacha, na miña opinión, un problema importante: fundamentase –explícita ou implicitamente- a lexitimación do nivel de autogoberno en termos de poder fiscal en base ao saldo que teñan Catalunya, Galiza ou outras comunidades coa Facenda estatal. Noutras palabras: afirmase –expresa ou tacitamente- que a dimensión da autonomía fiscal debe estar correlacionada co nivel de riqueza relativo de cada territorio.

A autonomía ou soberanía fiscal e a suficiencia de recursos (necesaria para asegurar un nivel de benestar colectivo equiparábel aos niveis medios estatal e europeo) son dous problemas que están relacionados pero que teñen unha natureza diferente e deben merecer argumentos singulares aínda que loxicamente compatíbeis. A experiencia histórica demostra que a hipercentralización non asegura o desenvolvemento económico e social (velaí temos o caso do franquismo) e tamén permite constatar que a soberanía política –e, por tanto, fiscal- non garante automaticamente un nivel de benestar equiparábel ao dos territorios economicamente mais desenvolvidos (aí está o exemplo de Portugal, recibindo fondos da UE e padecendo un programa de rescate da “troika”que elimina de facto a propia vixencia dun “Estado de benestar” homologábel ao que rexe noutras latitudes da UE).

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.