Malos tempos para autonomías- Xosé A. Gaciño

 

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oMalos tempos para autonomías

Agora que a gran maioría da opinión pública española se escandaliza ante a pretensión das forzas nacionalistas catalás de convocar unha consulta para decidir sobre a relación entre Cataluña e España, e unha boa parte desa opinión empeza a renegar do que consideran excesos autonomistas, quizais é momento axeitado para facer outras lecturas dun proceso que ás veces se presentou como exemplar pero que non parece atravesar agora polos seus mellores  momentos.

Foi un dos grandes asuntos polémicos na elaboración daquela Constitución consensuada baixo a mirada receosa dos que entón se chamaban “poderes fácticos” (Exército, Igrexa, vella garda do franquismo, poderes económicos… ). A introdución da expresión “nacionalidades” (que non pasaba de ser unha mera concesión formal) levantou ampolas na dereita centralista, a máis ligada á herdanza ideolóxica da ditadura. Como o título VIII sobre a organización territorial do Estado, que provocou a división e finalmente a ruptura da coalición electoral que representou a esa dereita centralista, Alianza Popular, da que a fracción fraguista foi practicamente a única que asumiu o consenso constitucional, non sen moitas reservas.

Parecía que o título VIII podía ser unha vía axeitada para encaixar no conxunto do Estado os territorios periféricos, nos que se reivindicaba o carácter de nacionalidade e se reclamaba o recoñecemento e o respecto das súas particularidades históricas e culturais. Como parecía axeitado  establecer dúas vías de acceso ao réxime autonómico, unha como de “primeira”, apoiada directamente pola cidadanía mediante referendo, e outra como de “segunda”, elaborada e aprobada só polos políticos e cun ritmo máis lento de asunción de competencias. O que parecía darlle preeminencia institucional ás autonomías de “primeira” (ás que conseguiu incorporarse Andalucía, que tivo que pasar por un referendo previo, do que se libraban as nacionalidades históricas, ás que se lles computaban os referendos que celebraran na Segunda República) ao remate parece máis ben unha carga máis.

Entre que os procesos de transferencia de competencias foron sempre máis lentos do previsto (aínda están sen rematar) e que ás comunidades de “segunda”, sen necesidade de referendos, se lles concederon as mesmas competencias que ás outras, cando gobernou Aznar, nestes momentos apenas hai diferenzas entre comunidades dunha ou doutra vía. E a diferenza principal quizais sexa que, para reformar os seus Estatutos, as comunidades de “primeira”, despois de todo o proceso de tramitación parlamentaria, teñen que sometelo a referendo (algo que, por certo, non lle libra de recursos de inconstitucionalidade), e ás outras comunidades bástanlles os acordos parlamentarios. Mentres as reformas dos estatutos catalán e andaluz promoveron toda sorte de polémicas e tensións, a maioría das comunidades de “segunda” modificaron sen apenas repercusión na opinión pública os seus respectivos estatutos, nalgúns casos incorporando artigos dos considerados malditos nas reformas con referendo.

Se engadimos que os niveis de competencias autonómicas tamén son relativos, porque a maior parte dos orzamentos veñen xa marcados polas transferencias económicas finalistas desde o Goberno central, non debe de estrañar que se produzan intentos de menor ou maior nivel de enfrontamentos para ensanchar os horizontes de autonomía económica. Neste sentido, Euskadi e Navarra son as comunidades que gozan da maior autonomía orzamentaria, que é tanto como dicir maior autonomía real. Por algo Cataluña reclamaba un estatus parecido e, no seu defecto, directamente a independencia. Coincide coa crise –na que o goberno catalán, por certo, é tan austericida como o de toda a UE da que non quere saír– e coincide co goberno central menos autonomista. Mal momento para chegar a arranxos entre posicións que cada unha das partes considera moi rendíbeis electoralmente.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.