O Movemento das Forzas Armadas o 25 de abril de 1974 conqueriu a liberdade en Portugal, derrubando a ditadura orixinaria de Oliveira Salazar. Remataba unha das mais longas de Europa e poñíase fin á sangría que decimaba á mocidade nas imposibles guerras coloniais africanas sumindo ao país na miseria e no empobrecemento… Abriuse unha fiestra á democracia, que a diferenza do que sucedería posteriormente en España, a portuguesa, no que ten de seu, foi unha democracia conquistada e non outorgada.
Nas ondas de Radio Renascenca soa a canción ”Grandola Vila Morena”. E a espoleta que alerta na noite do 24 de abril aos comprometidos no levantamento militar. Hoxe converteuse no himno que acompaña as numerosas manifestacións de descontento que percorren o país… Ao dia seguinte, 25 de abril de 1974, a Praza do Comercio coñecida como Terreiro do Paço, erguese a chama revolucionaria coa chegada dos carros de combate saídos de madrugada do acuartelamento de Santarem.. A praza e un cento neurálxico pois preto dela fican centros oficiais, ministerios e mesmo o Banco de Portugal. A primeiras horas da tarde ante o xeneral Spínola, -requiríuselle para iso expresamente, como oficial de alta graduación- Marcelo Caetano, sucesor de Salazar á fronte do “Estado Novo”, resigna os seus poderes para saír camiño de Brasil.
Deixando ao carón o efecto perverso das guerras coloniais, hoxe voltan a ter presenza moitos temas comúns a problemática de 1974. Algo que exacerba olladas de nostalxia de moitos lusitanos cara ao 25 de abril, como referente dunhas conquistas sociais e valores cívicos postas hoxe en cuestión a cotio… Portugal vive sumido nunha feroz austeridade soportando recortes desapiadados desde o rescate financeiro executado pola “troika” en maio de 2011. Algo que xera unha sensación de amargura e tristeza que mesmo nun túnel do tempo parecerá retomar os anos previos ao 25 de abril.
Desde a Universidade de Coímbra, onde exerceu o a maxisterio Oliveira Salazar, escribe o catedrático de socióloxia De Sousa Santos: <Os expertos falan ata de dúas ditaduras civís: a nacionalista de Salazar e a “internacionalista e despersonalizada” actual. Ambas levaron a pobreza ao pobo portugués, ao que deixaron á zaga dos pobos europeos>.
Portugal debatese agóra na angustia dunha débeda pública que acada o 130 % do PIB. A guerra colonial que mantivo case tres lustros levábase o 50% do orzamento da República. Con corenta anos de distancia a situación derivada de ambas situacións ten similar impacto negativo sobre o gasto social e a vida da poboación. Outro dato alarmante é que as circunstancias económicas sufridas a finais dos ano sesenta do pasado século que obrigaron a saír do país entre 120 e 130.00 cidadáns, reprodúcense desde o inicio da crise actual na que levan abandonado o país case 200.000 persoas, Ao que únese un desemprego crecente con moi escasas perspectivas de paliarse. Nos miolos de moitos dos militares que propugnaron o 25 abril erguese a preocupación, é non dubidan en cualificar a situación actual como “a dun Estado capturado por intereses particulares”.
A revolta militar que a súa propia dinámica converteu nunha revolución democrática, coa poboación na rúa participando activamente trouxo unha ruptura co réxime anterior que reportou nacionalizacións de bancos, ocupacións de latifundios agrícolas, e o remate da guerra colonial. Todo iso nun contexto convulso que alcanza case dous anos. Tralo asentamento do proceso democrático, e malia as sete reformas sufridas pola Constitución portuguesa de 1976, esta segue estando moi marcada polas ideas progresistas dos primeiros momentos, pois a democracia portuguesa segue sendo malia todo, reflexo da Revolución.
A dereita portuguesa como lle sucede á española coa condena do franquismo séntese moi incómoda co 25 de abril, sendo incapaz de situarse plenamente nun proceso que a desbordou en todo intre. O que co paso dos anos parecía xa unha data esquecida nun recuncho da historia, en gran medida arrumbada como lembranza embarazosa para algúns gobernantes, rexorde hoxe con grande vitalidade. Tal o recolle un dos dirixentes mais significativos do 25 de abril, o coronel Vasco Lourenço: “A situación que temos é moi semellante á que tiñamos antes do 25 de abril, en canto á enerxía que respira o pobo. As persoas por aquel entón estaban sedentas de que sucedese algunha cousa, agora tamén o esperan. Estou convencido de que si houbese algunha cousa, as persoas van reaccionar forte e positivamente cun acto recuperador dos valores de abril para acabar con esta tristeza”.