Da realeza á crúa realidade- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1o

Da realeza á crúa realidade

Pasado o impacto do relevo de rei en España, envolto no abafador despregue mediático de gabanzas de oficio, volvemos da realeza á crúa realidade. Non tan crúa, segundo o Goberno, que leva xa pregoando a suposta recuperación económica desde a campaña das recentes eleccións europeas, con non demasiada fortuna a xulgar polos resultados do seu partido, que só puido presumir de ser a forza máis votada, grazas a que o seu adversario principal perdera aínda máis votos.

Tan convencido parece o goberno da tan ansiada recuperación que se lanza a anunciar a rebaixa de impostos que figuraba no programa electoral co que gañara a maioría absoluta parlamentaria, e que aínda non tivera ocasión de cumprir. Non imos recordar agora que facer esa e outras alegres promesas de prosperidade, no momento no que se celebraron as eleccións, tiña moito de demagoxia ou de frivolidade. Alegar despois que descoñecían a verdadeira situación da débeda e do déficit –nin as tendencias austericidas que se estaban a marcar na Unión Europea– é tanto como confesar un nivel de ignorancia ou de estupidez difícil de aceptar nun equipo de insignes altos funcionarios do Estado (rexistradores da propiedade, avogados do estado, fiscais… ), que xa se sabe que a mellor maneira de defender os intereses das grandes corporacións privadas e de promover as facilidades para o despedimento de traballadores é ter as costas ben cubertas por un bo posto público vitalicio. Por insistir na hipocrisía, algúns parece que prefiren pasar por parvos.

O caso é que o goberno está disposto a baixar impostos, a pesar de que na Unión Europea lle advirten de que os niveis de déficit non están aínda para alegrías. Xa veremos se lle deixan. Se seguen adiante, xa nos explicarán por qué agora desobedecen á UE e antes, cando recortaban, facían o que tiñan que facer por imposición, dicían, de Bruxelas. Claro que tampouco hai tanta rebaixa. Parece que, aparte de baixar as retencións mensuais (para que se note xusto nas vésperas de eleccións), volverán deixar a cousa como a atoparon, con algunhas vantaxes adicionais para as grandes rendas e as grandes empresas (quen dixo que xa non hai esquerda nin dereita?), é dicir, que, máis ou menos, van baixar o que eles subiron cando chegaron e de paso favorecen aos seus afíns. A mesma xogada de imaxe que coa prima de risco (alardearon de baixala cando volveu aos niveis da etapa do goberno anterior, despois de ter chegado baixo o seu mandato a máis do dobre).

O goberno non quere que a realidade lle estrague unha boa previsión. Se o previsto era chegar ás seguintes eleccións coa economía en transo de recuperación, vale calquera pirueta estatística para proclamar o comezo da nova era de prosperidade, presentada ademais como o premio aos sacrificios dos cidadáns, como se os sacrificios xa tivesen rematado e os recortes temporais non se fosen converter en permanentes. De feito, xa teñen encarrilado o novo período de crecemento, unha vez desvalorizados os salarios e rebaixados os dereitos laborais, por unha banda, e por outra, abrindo novas vías de negocio privado sobre o despezamento dos servizos públicos (aeroportos, ferrocarrís, sanidade e agora até xestión de barrios selectos, ademais do conseguinte etcétera).

Se as urnas non o remedian, polo menos parcialmente, seguiremos camiñando pola senda da desigualdade progresiva a beneficio dos de sempre, é dicir, dos sucesivos herdeiros do poder permanente. Para iso tamén resulta simbólica a sucesión hereditaria da xefatura do estado.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.