Baltar e as complicidades- Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaBALTAR  E  AS  COMPLICIDADES

O xuízo celebrado en Ourense contra Xosé Luis Baltar suscita unha cuestión relevante:pode ser considerado este evento como un sinal demostrativo do comezo dunha causa xeral contra o modelo caciquil enquistado nas administracións públicas galegas?

Dar unha resposta afirmativa a semellante interrogante suporía descoñecer a razón principal que levou a Baltar ao banco dos acusados da Audiencia de Ourense.O patriarca foi vítima, nesta ocasión, do axuste de contas promovido pola dirección galega do PP.Foi o prezo que tivo que pagar polas manobras destinadas a perpetuar o dominio da súa familia na estrutura de poder conformada a partir do propio partido.

A pesar do amplo espazo mediático dedicado á vista oral celebrada nos pasados días, resulta chamativo que os principais analistas non reflexionaran sobre o nivel de impunidade penal no que viviu durante moitos anos o presidente da Deputación ourensán.Despois de tantas denuncias formuladas –algunhas delas en sede xudicial- pola presunta utilización de prácticas semellantes ás que agora motivaron o seu procesamento, por qué non houbo algo minimamente parecido ao que sucedeu en Lugo por mor das actuacións das polémicas xuízas Pilar de Lara e Estela Sanjosé?Hai que buscar explicacións técnicas (pouca consistencia dos indicios aportados e/ou deficiente presentación das probas incriminatorias manexadas) ou hai que pensar na existencia dunha sensibilidade singular no aparello xudicial dunha provincia onde se rexistra unha espectacular continuidade na hexemonía política do PP presidido por Baltar?

As complicidades que explican a prolongación desta indiscutíbel anomalía no funcionamento dun sistema democrático merecente de tal nome fican espalladas por todas as estancias dos poderes realmente existentes.E tamén agroman no propio corpo social.Non se poden considerar inocentes todos aqueles milleiros de votantes que apoiaron aos que utilizaban a lóxica dos favores no canto de respectar o principio dos dereitos.Esas persoas aceitaron o troco que lles ofrecían uns políticos que utilizaban os recursos públicos como cheques privados de obtención de fidelidades electorais.

Se hai unha sentenza condenatoria de Xosé Luis Baltar e Núñez Feijoo quere dar unha lección práctica de rexeneración democrática,debería pedir a dimisión do fillo porque gañou un Congreso con medios ilícitos.Non o fará porque necesita todos os votos para intentar evitar futuras derrotas electorais.O fin de manter o poder xustifica, para o máximo dirixente do PPdG, o uso de todos os medios:mudar as leis electorais e amparar os nepotismos habidos e por haber.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.