As cartas Caledonias- Xoán Antón Pérez-Lema

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaAS CARTAS CALEDONIAS.

O VOTO DO MEDO

A suba do YES nas sondaxes de primeiros deste mes espertou unha campaña unionista que adurmiñaba. O tripartito a prol do non (conservadores,liberal-demócratas e laboristas) botou mán de toda a súa axenda. Primeiro foi o gobernador do Banco de Inglaterra quen dixo que de gañar o si os escoceses non poderán partillar a libra esterlina. Despois, o Royal Bank of Scotland e o Bank of Scotland ameazaron con deixar cadansúas sedes escocesa e transladalas a Londres no caso dunha maioría de votos afirmativos. Logo foi un voceiro da aseguradora Aviva quen dixo que un SI poría en risco infraestruturas chave. A propria raíña Elizabeth, nun aceno no que non poucos escoceses teñen visto unha substancial creba da súa neutralidade, pediulle á cidadanía caledonía que votase con xeito (carefully, foi a verba usada pola Xefa do Estado). Teñamos en conta que unha parte substancial da campaña do YES SCOTLAND baséase na continuidade relativa que representaría seguer a partillar a libra cos demáis británicos e que a raíña continuase a ser a Xefa do Estado escocés, como é do Canadá, Nova Celandia ou Australia.

Están  por ver as resultas desta campaña do medo. Mais a propria opinión publicada londinense é escéptica a respecto destas pauliñas. Velaí o xornalista económico Nick Goodway (London Evening Standard) que escrebe : “non se pode desbotar  certa volatilidade a curto prazo, mais a medio prazo Escocia non preocupa aos investidores do Reino Unido. Sexa cal fór o resultado do referéndum non vai pasar nada”.

A APELACIÓN SENTIMENTAL

A outra liña de campaña do tripartito unionista está a ser a chamada aos sentimentos, o que semella acaerlle ben ao prime minister Cameron, quen pediu hai poucos días encher o Reino Unidod e bandeiras escocesas. O certo é que na nosa estadía de 48 horas en Londres só vimos pendurando as da residencia de Cameron, no nº 10 de Downing St e as dos Ministerios e oficinas gobernamentais ao seu carón, en Whitehall. Mais Cameron seguiu a apelar aos sentimentos, quizais porque algúns dos seus analistas din  que á campaña unionista lle faltou paixón. Velaí o seu discurso do martes : “Por favor ficade connosco… Se non gostas miña, outro virá. Se marchades, sabede que será para sempre”.

Claro é que para outros líderes conservadores  é moito máis difícil. O alcalde de Londres, Ben Johnson é un dos líderes máis populares dos dereitistas e semella estar ben chantado na carreira sucesoria, que mesmo principiará o venres se gaña o SI. Johnson rexeitaba hai semanas a ampliación do autogoberno financeiro e fiscal escocés, reclamándoo en troques para o seu Londres e non quixo  participar na campaña unionista. “Que queredes, que desfaga eu a campaña?”, foi daquela a súa brincadeira. Hoxe cala , probábelmente pola seriedade da situación para os conservadores, malia que de seguro partille esa opinión, presente en case a metade dos deputados tories, que considera que Cameron cometeu dous erros: permitir o referéndum e manter unha campaña de perfil baixo.

UN PROGNÓSTICO

Veño de chegar á estación central de Edinburgh, despois dunha viaxe noiturna de 7 horas, quizais unha das máis filmadas na historia do cinema. Nótase abondo como refresca o clima. O confronto entre os 25 graos do doce verán londinense á paisaxe outoniza da néboa e dos 16 graos de Edinburgh ilustra as diferenzas entre dous países distintos que, porén, partillaron moitas aventuras e non poucas desventuras colectivas. Moitos pensan que a Unión de 1707 foi un mal negocio para Escocia (mentres entre 1707 e 2012 a pobiación escocesa medrou só até cinco millóns dende o millón inicial, a inglesa medrou até 52 millóns dende os 4,5 millòns iniciais) e que hoxe Escocia segue a ser un bó negocio para o Reino Unido. Outros pensan que Escocia escrebiu páxinas de gloria e tirou proveito do Imperio británico. Probábelmente todos teñan razón, cada un ao seu xeito e na parte de verdade que lle cumpre.

      Que vai pasar o xoves? It depends, é a resposta máis común por parte dos amábeis cidadáns edinburghers. Unha resposta comparábel á que daría calquera galego prudente. A mobilización sentimental e á apelación ao medo haberían decidir moitos electores cara ao NO, máis está sen medir o efecto contraproducente dos discursos edulcorados de Cameron, a adhesión dos escoceses ao seu sistema público de sanidade e servizos sociais (que moitos consideran estar en risco nun Reino Unido onde o peso conservador de Londres e do suleste é cada ano máis importante) ou a propria composición dese 10% de indecisos que aparecen en case todas as enquisas. Están estes indecisos máis acó ca aló?Nesa resposta está a clave do referendo escocés.

O que si está claro, como recoñecen en privado moitos deputados ingleses (quer conservadores, quer liberais-demócratas ou laboristas) é que os escoceses van gañar en autogoberno e financiamento, si ou si. Co YES cunha independencia formal onde moi axiña poranse as bases dunha Escocia integrada na Unión Europea,  partillando ademáis moeda e Xefa do Estado con ingleses, galeses e norirlandeses (por certo que éstes terán tamén un referéndum no 2016 para decidir a súa continuidade ou a súa anexión á República de Irlanda). E co NO a medio da substancial ampliación do seu autogoberno, recebindo esas  novas potestades fiscais e financeiras prometidas agora polo Goberno  bipartito de Cameron e Clegg e pola oposición laborista de Miliband. Si, esa ampliación da autonomía que podía contentar, polo menos no medio prazo, a parte das bases nacionalistas do SNP e que Cameron rexeitou converter na terceira opciòn do referendo en novembro do 2012, quizais pensando que o referendo sería, de certo, unha derrota para o first minister Alec Salmond e para o goberno nacionalista de Holyrood.

 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.