Europa entre fronteiras – Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oEuropa entre fronteiras

Parece que todos os líderes europeos respiraron aliviados polo triúnfo do “non” no referendo de Escocia. A xulgar por algúns comentarios –os de Rajoy, sen ir máis lonxe–, o pronunciamento do conxunto dos votantes escoceses librounos pouco menos que do afundimento da economía e das institucións europeas. Como se eses e outros líderes non levasen anos –polo menos desde que estoupou a última crise do sistema– afundindo as posibilidades de recuperar os equilibrios que fixeron posíbel a xa hoxe mítica prosperidade económica e social da Europa democrática.

Non se entenden, por outra parte, os medos ás modificacións de fronteiras nun continente que se pasou os dous últimos séculos (por non remontarnos demasiado na historia) cambiando mapas, tanto para fusionar como para dividir territorios. Só hai seis anos que Kosovo proclamou a súa independencia de Serbia e todos os Estados da Unión Europea (excepto España) a teñen recoñecida.

Apenas hai corenta anos –entre 1973 e 1975– que se desenvolveu a Conferencia sobre a Seguridade e a Cooperación en Europa coa importante finalidade, entre outras, de fixar as fronteiras no continente co recoñecemento mutuo da súa inviolabilidade por parte dos participantes, nos que figuraban desde as ditaduras de España e Portugal (esta última só inicialmente: no 74 chegaron os caraveis democráticos) aos países comunistas, pasando pola Europa occidental democrática, todo elo baixo a tutela de Estados Unidos e Canadá. En total, a Acta de Helsinki foi firmada por 35 gobernos.

Nestes momentos, a Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa, creada entón para controlar o cumprimento da Acta, está composta por 56 países. Case todas as novas incorporacións saíron das declaracións de independencia de territorios que se desgaxaron de dous firmantes do 75, a Unión Soviética e Iugoslavia, e outra do divorcio amigábel de checos e eslovacos. En leve compensación, as dúas Alemañas convertéronse nunha soa.

Todo ese reaxuste de estados produciuse nos anos noventa do século vinte (no caso iugoslavo, como xa comentei, durou até o 2008). Supoño que non fará falta aclarar que os gobernos da UE apoiaron e nalgúns casos alentaron a causa independentista de boa parte deses territorios, sobre todo na desaparecida Iugoslavia e nos países bálticos. Varios deles xa foron admitidos na UE e outros están na lista de espera.

A entrada case en bloque deses e do resto de países ex comunistas provocou serios problemas de estabilidade na sempre complicada configuración da unidade europea, continuamente ralentizada polos xogos de obrigado consenso. Pero primaron os intereses competitivos por substituír o control económico e político que Rusia exercera sobre esa zona da súa influencia, esa que Putin trata de recompoñer en Ucraína, por exemplo, en aberta confrontación cunha UE que xa non ten a mesma capacidade de resposta que nos tempos eufóricos da caída do muro.

Con todo ese contexto ás costas, resulta case ridículo ese espectáculo de ansiedade que ven de ofrecer a UE ante a posibilidade de que Escocia tivese escollido a independencia do Reino Unido. Unha Escocia, por certo, moi interesada por seguir na Unión Europea, mentres o primeiro ministro británico ten prometido aos seus euroescépticos un referendo sobre a continuidade do Reino Unido na Unión Europea.

Por outra banda, non é a primeira vez que, desde as institucións comunitarias e desde os gobernos máis poderosos da UE, se participa en estratexias do medo para premer aos electores de determinados territorios. Nas eleccións gregas do 2012, en plena operación de rescates punitivos, desde o resto da Unión Europea fíxose todo o posíbel para que a emerxente formación de esquerdas Syriza non gañase as eleccións. Non vacilaron en apoiar abertamente aos conservadores de Nova Democracia, responsábeis de ter maquillado as contas públicas para facer ver á cúpula comunitaria que cumpriran os obxectivos de déficit. Terán que volver despregar a súa maquinaria de propaganda e ameazas porque, nos pasados comicios europeos, os de Syriza sacáronlle case catro puntos de diferenza á dereita.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.