Desconcerto, medo, histeria- Xesús Veiga

264c2-xesusveigaDESCONCERTO, MEDO, HISTERIA

Contan as crónicas que, catro días antes de morrer, Emilio Botín confesou a un grupo de xornalistas que tiña dúas preocupacións fundamentais:a situación de Catalunya e o resultado acadado por Podemos.O recoñecemento do banqueiro formaba parte da lóxica discursiva habitual que se manexa nos círculos dominantes do poder económico:o que mais preocupa é aquilo que non se controla.Ambos fenómenos presentan, certamente, unhas doses de incertidume cualitativamente superiores ás que cabe apuntar en calquera outro dos vectores que compoñen o panorama político e social do momento.

As inquedanzas de Botín están tomando corpo nas análises dunha boa parte dos opinadores mais destacados do universo mediático.O desconcerto, o medo e mesmo a histeria percorren moitas das pezas argumentais destes “gurús”.Semella que non entenden as causas xeradoras do maioritario apoio da sociedade catalá á celebración dunha consulta sobre o seu futuro nacional e que están descolocados ante as notábeis expectativas electorais da formación que encabeza Pablo Iglesias.No canto de reflexionar sobre os motivos que explican a existencia destes cambios significativos no comportamento de diversos sectores sociais, teiman nunha mirada curta e simplista sobre o dedo:para eles, Artur Más é o culpábel principal do que sucede alén do Ebro e Pablo Iglesias é un mesías populista e autoritario que sobrevive grazas a determinados apoios mediáticos.

Un dos argumentos preferidos para relativizar a transcendencia do que se está vivindo é a coñecida tese de que o apoio maioritario a unha determinada causa non elimina as eventuais carencias asociadas á mesma.A pertinencia de semellante premisa de carácter xeral non exime da necesaria reflexión sobre as circunstancias concretas que concorren en cada caso e das fórmulas acaídas para resolver –no seo dun sistema democrático de calidade- os conflitos sociais suscitados.A situación en Catalunya non é froito da capacidade manipuladora de Mas, de Junqueras ou dos medios de comunicación ubicados naquel País.O éxito de Podemos non é consecuencia das arroutadas de catro iluminados.

Estes comentaristas que agora cuestionan a lexitimidade de certos estados de opinión ou censuran duramente o comportamento dos líderes que aparecen concernidos nestes acontecementos, non atopaban elementos de crítica nas reiteradas maiorías absolutas acadadas polo PPdG nin cuestionaban os talantes autoritarios e cesaristas exhibidos reiteradamente por Manuel Fraga, Aznar e Felipe González.

Qué propoñen para solucionar o conflito existente en Catalunya, ademais das reiteradas apelacións ao cumprimento da legalidade vixente?Qué formulas defenden para recuperar a credibilidade dos grandes partidos afectados polo cancro da corrupción?Agardar só pola actuación dunha xustiza que, segundo o presidente do Tribunal Supremo, está pensada para o “roubagaliñas”  e non para o gran defraudador?

Mentres estes opinadores buscan algún remedio ao progresivo nerviosismo que se percibe no seu estado de ánimo, a vida segue.Feijoo pretendeu pagar a prezo de ouro o silencio do imputado Currás e tivo que desistir ante a reacción social; Romay e Negreira buscan refuxio na trincheira xudicial para evitar asumir responsabilidades políticas polo “affaire” dos cursos de Crespo e unha nova Gürtel estoupa nos fociños de vellos e novos cargos públicos populares e socialistas.

Ten razón Pablo Iglesias.Os pais de Podemos son o PP e o PSOE.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.