Galicia precisa liderado- Xoán Antón Pérez-Lema

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaA POUSADA NO CAMIÑO

Dicíamos a semana pasada que Galicia tiña de enfrontar a rexeneración democrática que tamén precisa a cidadanía do conxunto do Estado incardinándoa nun relato de noso, nun novo paradigma que garanta un amplo autogoberno  como ferramenta absolutamente esencial para xerar benestar, porque a economía galega alicérzase nuns sectores estratéxicos que para España son perfectamente prescindíbeis e só representamos o 5% do PIB estatal.

Este relato require dun amplo proceso de participación cidadá para a recuperación  do público.  Da colaboración  da pluralidade e transversalidade da sociedade civil galega. E, tamén, dun liderado. Naturalmente non ha ser un liderado cesarista ou afastado das persoas, senón liderados modernos, empáticos, próximos, amigábeis, mesmo agarimosos, que entendan que na politica e na economía o importante son as persoas e que perceban que a súa dirección non pode substituir a crecente intervención no espazo público da sociedade civil galega.

Mais este liderado ha ser dinámico, moderno e activo. Nada a ver, xa que logo, con Mariano Rajoy et alter, as súas pantallas de plasma, a súa linguaxe politiquesa, pasividade, aversión á rúa e tendencia a se por de esguello. E  tampouco co vello paradigma do reactivo nacionalismo español, reflectida na presentación este sábado do manifesto contra o dereito a decidir  da plataforma“Libres e iguales”, que en Galicia adoptou as facianas da minorización lingüística do galego, da secundarización de Galicia e dos seus intereses e do uso da sacralizada Constitución como arma arreboladiza de división social no canto de marco de convivencia e resolución de problemas. 

Porén, un tal relato e liderado haberían evitar outros erros cometidos historicamente polo galeguismo político e garantir a verdadeira participaciòn democrática de todos os cidadáns que queiran vivir nun País máis democrático, próspero e non subordinado aos intereses doutros territorios ou elites.O que esixe grandes doses de intelixencia e tolerancia e o desarme de moitos dogmatismos pouco operativos xa na Galicia do 2014.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.