Semella que o 9 de Novembro é unha data cargada de diferentes e importantes simbolismos.Ademais do que se viviu recentemente en Catalunya, realizáronse diversas conmemoracións dun feito moi relevante:o 25 aniversario da desaparición do muro de Berlín.Un verdadeiro punto de inflexión na historia contemporánea, por canto os sucesos rexistrados na capital de Alemaña naquel outono de 1989 foron o comezo do remate do chamado socialismo real existente nos países do centro e do leste de Europa.
A batalla dos sistemas económicos gañouna, no século XX, o capitalismo.Demostrou posuír unha grande capacidade de adaptación ás mutacións operadas nos tecidos sociais dos países economicamente mais poderosos, aproveitando moitas das oportunidades xeradas pola evolución histórica e neutralizando unha boa parte das ameazas que apareceron nas distintas fases do seu desenvolvemento.O sistema soviético promoveu un proceso de modernización diferente do occidental.Construíu un poder autoritario e duramente represivo –sobre todo nalgúns períodos- exercido pola elite do partido único e da administración estatal.O réxime comunista da URSS unificou as esferas ideolóxica, política e económica baixo a autoridade centralizada do Estado:o grupo social que gobernaba era o mesmo que dirixía a economía e que ditaba a ideoloxía oficial.Precisamente, a conversión do marxismo na ideoloxía oficial dos Estados do leste europeo afectou seriamente ao prestixio dunha das mais importantes correntes ideolóxicas do socialismo democrático do século XIX.
O fracaso do experimento soviético provocou importantes consecuencias:cuestionou a crenza en que a eliminación da propiedade burguesa remataría coa desigualdade e as inxustizas, desacreditou o intento de liberar a actividade económica da tiranía do mercado mediante a planificación e desvalorizou a idea dun cambio social radical e global.Os últimos vinte e cinco anos permitiron constatar que a esquerda social, a pesar da súa importancia numérica e do mantemento da adhesión a certos símbolos e valores socialistas tradicionais, vive unha crise de identidade, de orientación e de ideas.
O século XXI comezou case como o anterior.Wall Street repetiu o protagonismo de 1929 co inicio dun novo incendio no sistema que presumía de ter aprendido as leccións do pasado.As grandes desigualdades sociais e o extremado individualismo da sociedade contemporánea son as vellas asignaturas pendentes que o actual modelo capitalista non consigue aprobar e que alimentan novos pensamentos críticos que recollen e actualizan os valores e as arelas que acompañaron aos proxectos transformadores dos últimos douscentos anos.