Manipulación de efectos limitados- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oManipulación de efectos limitados

Curiosamente, o número de cidadáns que expresaron o seu apoio á independencia de Cataluña na acción participativa do 9 de novembro (1.861.753, o 29,89 por cento do censo) coincide case exactamente co número de espectadores que suman os diversos canais da televisión autonómica catalá (1.863.000, un 29,7 por cento da audiencia total de televisión en Cataluña, segundo datos do EGM de xullo deste ano). Unha boa porcentaxe en termos de audiencia televisiva, pero máis ben limitada en termos da presunta influencia ideolóxica que lle atribúen algúns analistas como elemento decisivo na subida da conciencia independentista entre os cidadáns cataláns.

En Cataluña, as cadeas estatais duplican a audiencia das autonómicas, que mesmo quedan por debaixo do conxunto dos canais temáticos. Un panorama moi diferente do que debuxan os que nos presentan a unha opinión pública catalá sometida ao bombardeo manipulador de TV3 (que é o segundo canal en audiencia, superado por Antena 3 e seguido moi de cerca por Tele 5). Tampouco a súa emisora de radio é líder de audiencia, aínda que no seu caso é superada por outra emisora catalá, pero de titularidade privada, concretamente do Grupo Godó, editor de La Vanguardia, o xornal impreso de maior difusión en Cataluña, con El Periódico en segunda posición a pouca distancia (670.000 e 517.000 lectores, respectivamente). Entre os dous suman máis do triplo que os dous estatais de maior difusión (Marca, con 180.000 lectores, e El País, con 158.000). Na prensa escrita, é abafador o dominio dos medios cataláns, que tamén predominan na radio, aínda que en menor medida (1.361.000 escoitantes suman as emisoras catalás, entre privadas e públicas, e 948.000 as de ámbito estatal).

Os que falan de manipulación dos medios públicos en Cataluña, engaden que os medios privados cataláns se alimentan de subvencións do goberno autonómico, como se os medios públicos do resto de España fosen modelos de obxectividade (en todo caso, algúns son exemplos de incompetencia, con directores xerais especialistas en afundir espectacularmente as súas audiencias), e como se a gran e arrogante prensa estatal non recibise subvencións (a que non as recibiu xa desapareceu). Tamén engaden que hai adoutrinamento no ensino, sobre todo na visión que se ofrece da súa historia, como se a historia non fose a materia máis manipulada en todos os países, dentro e fora do ensino (na Real Academia da Historia aínda hai ilustres académicos que non consideran ditador a Franco).

Certo que as manipulacións dunha parte non xustifican as da outra, pero convén situar a cadaquén no seu sitio. Nesta penosa travesía de simplificacións, na que cada un dos políticos busca a súa mellor colocación cara a futuras carreiras electorais, os cidadáns reciben todo tipo de mensaxes contraditorias, obxectivas ou manipuladas, lanzadas por entes públicos ou por intereses privados, nun espectro ideolóxico moi limitado nos medios convencionais e moi disperso e caótico nas novas canles das redes sociais. E todo iso no medio dunha crise que ten deteriorado o mercado laboral, os salarios e os sistemas asistenciais, mentres cada día van aparecendo novos casos de corrupción (e non só de políticos).

Que, neste escenario, só un 30 por cento do electorado catalán –que debe de ser como un 5 por cento de todo o censo electoral español–, manipulado ou por manipular, se mostre disposto a abandonar España debería ser considerado un éxito da inercia histórica que aínda fai posíbel a convivencia entre os pobos que comparten un Estado e unha Constitución desvalorizados por quen máis din defendelos. Sen embargo, espertan unha inquedanza xeral, para uns como xerme esperanzador doutras disidencias, para outros como intolerábel ruptura de unanimidades consideradas básicas.

Para gobernantes inmobilistas, aos que lles basta un fiscal para facer política, queda o alivio de que os programas máis vistos na televisión, en España como en Cataluña, aínda son os partidos de fútbol. Claro que, ao mellor, non é a televisión o que máis inflúe no voto dos cidadáns.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.