Dereita con reservas e atrasos- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oDereita con reservas e atrasos

Van sempre como con atraso. Cando gobernaba o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, ao que cubriron de toda sorte de ataques persoais e mesmo insultos, comezaron a eloxiar a categoría de estadista de Felipe González, esquecendo recordar que eles mesmos promoveran no seu día unha feroz campaña contra González con José María Aznar como director de orquestra (“Váyase, señor González”). Agora, cando o actual secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, dentro do seu afán por levantar as expectativas electorais do seu partido, propón reformar a reforma do artigo 135 da Constitución –a que pactaron Rodríguez Zapatero e Rajoy para colocar o pago da débeda como prioridade orzamentaria absoluta, ademais de limitar radicalmente o déficit–, o actual presidente de Goberno, o conservador e inmobilista Mariano Rajoy, rehabilita de pronto a Alfredo Pérez Rubalcaba. Rodríguez Zapatero seguramente terá que esperar máis á súa rehabilitación, non sei se tanto como Adolfo Suárez, tan mazado politicamente ou máis ca el, e que non recibiu recoñecementos xerais (de dereitas e de esquerdas) até que morreu.

A cousa non se limita ao tratamento dos rivais políticos, que entra dentro do estilo xeral (lamentábel, de todas formas) de descualificar ao adversario nun permanente combate electoral. Tamén afecta a cuestións básicas, nas que camiñan igualmente con lentitude.  Confían, supoño, na inercia conservadora da mentalidade media da sociedade, como se reflexa no refraneiro. Vale máis malo coñecido, din, que bo por coñecer.

Así,  a Constitución que acolleron con tanto receo, especialmente no referente á organización territorial, agora é para eles pouco menos que un libro sagrado e intocábel (a menos que se toque por imperativo dos grandes acredores financeiros). De estar radicalmente en contra de despenalizar o aborto, primeiro contra a lei de supostos do 1985 e despois contra a lei de prazos do 2010, pasaron a non modificar nada na primeira ocasión que accederon ao goberno e a arquivar os seus proxectos de retroceder máis aló do 85, na segunda ocasión. Algo parecido pásalles coa regulación do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, do 2005, ratificada no 2012 por un Tribunal Constitucional que demostrou ter unha mentalidade máis aberta, a pesar de ter maioría de membros designados por eles. E coa “lei mordaza” non só van con atraso, senón que, nalgúns aspectos, retroceden ás leis de orde pública do franquismo.

O seu liberalismo limítase ao terreo económico, aínda que se presentan como firmes defensores da libre economía de mercado e da iniciativa privada, pero non parece importarlles moito os oligopolios que manexan os recursos enerxéticos, por exemplo, e, por suposto, algúns non vacilan en aproveitar os fondos públicos para favorecer as iniciativas privadas… dos seus. Do outro liberalismo, do xenuíno liberalismo da tolerancia e das liberdades cidadás, teñen algúns exemplares individuais como para mostra, mentres manteñen un esaxerado temor a esa parte do seu electorado de cultura clerical, que aínda se move nos parámetros do primeiro concilio vaticano (o de 1869-70, que proclamou a infalibilidade papal e condenou todas as modernidades ideolóxicas da época).

Tampouco é que o resto do espectro ideolóxico reborde de dinamismo e sensibilidade social. Todos, en maior ou menor grao (segundo o nivel de poder ao que accedan), teñen os seus atrasos ou as súas precipitacións, e moitas contradicións entre o que din e o que fan, entre os seus principios e a súa xestión política disfrazada de pragmatismo (é dicir, de aceptación dos límites marcados polo sistema económico). Pero esta dereita española e centralista, que tan atenta se mostra para aceptar todas as novidades de especulación económica, acumula todas as reservas fronte ao ritmo acelerado dos cambios sociais, sobre todo se os cambios representan maiores niveis de liberdade e de diversidade.

Por suposto, chegan con atraso tamén á posta en marcha de medidas de transparencia que informen ao cidadán do uso detallado dos cartos públicos, pero esta vez só en comparación cos niveis de transparencia doutros países de democracia avanzada. Porque, en comparación cos gobernos anteriores (populares ou socialistas), están a ser adiantados, aínda que haxa moito que mellorar na maneira na que se facilitan os datos. E que se nota moito que se apresuraron a poñelo en funcionamento ante a crecente indignación cidadá polos casos de corrupción que se van acumulando nos xulgados e as perspectivas electorais que esa indignación debuxa.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.