Eleccións cada trimestre- Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oEleccións cada trimestre

Moi solventes deben de ser as sondaxes que están a prognosticar o ascenso electoral de Podemos, cando o goberno central, co ministro de Facenda ao fronte da manipulación partidista dos datos confidenciais da Axencia Tributaria, ten despregado esa campaña intensiva de acoso e derribo contra a nova formación política que irrompeu nas pasadas eleccións europeas, sacudindo o desprestixiado panorama bipartidista, que pode estar a punto de cambiar. Teremos ocasión de comprobalo ao longo deste ano, marcado pola cadencia dunha votación cada trimestre.

Son catro convocatorias moi diferentes, dúas delas nun ámbito territorial concreto (en Andalucía, agora no 22 de marzo, e en Cataluña para o 27 de setembro), outra que xunta nunha mesma data, o 24 de maio, os comicios municipais e os do pelotón de comunidades autónomas que non necesitaron de referendos, e finalmente, en data aínda non definida pero probabelmente en novembro, as eleccións xerais. Pero, a pesar das súas diferencias, todas van ir servindo de test sobre a fortaleza dos dous partidos hexemónicos nas institucións estatais e na maioría das institucións locais e autonómicas.

No primeiro test, o das eleccións autonómicas andaluzas, probarase a forza dos socialistas e da súa líder en Andalucía, que adiantou un ano os comicios oficialmente por falta de entendemento co seu socio de goberno, Esquerda Unida. Na realidade, por non esperar a un maior crecemento de Podemos nas enquisas ou buscando un triunfo electoral que lle dea máis poder no seu partido, ou polas dúas cousas á vez. As sondaxes, até agora, vaticinan un triunfo socialista gracias a un afundimento do PP, que fora o partido máis votado (pero sen maioría absoluta) nas eleccións andaluzas do 2012 e que agora se vería superado polo PSOE, a pesar de que este partido tamén perdería votos e non chegaría tampouco á maioría absoluta. Tamén van ser unha proba das posibilidades reais das novas forzas emerxentes, Podemos e Cidadáns, que aparecen nas enquisas con certa forza, pero con menos da que se lles augura para as xerais. Quizais porque Andalucía non sexa un dos territorios nos que teñan maior presencia, ou quizais porque estas enquisas xa se están a facer nas vésperas de votar e as respostas poderían estar afinando máis do que se afina cando faltan varios meses.

En canto ás eleccións municipais e autonómicas de maio, servirán máis para calibrar o nivel do bipartidismo e comprobar canto e onde baixa cada un dos dous grandes partidos. Haberá máis dificultades para medir o nivel das novas formacións, que seguramente terán dificultades para presentar candidaturas en todos os territorios, sobre todo nos municipios, pero os seus resultados, aínda que parciais, indicarán tendencias. Todos chegarán máis curtidos ás eleccións autonómicas de Cataluña de setembro, no caso de que finalmente sexan convocadas (até agora, só están anunciadas). A esas alturas do ano, e segundo os datos que se vaian acumulando das anteriores convocatorias, podería pasar a un segundo plano o carácter plebiscitario que lle queren dar os seus convocantes, para converterse nunha sorte de ensaio xeral da gran proba de novembro, sobre todo se o índice de participación supera o habitual nos comicios deste ámbito.

Todo o percorrido electoral previo podería configurarse así como un prolongado exercicio de quentamento político de cara ao gran partido final: as eleccións xerais que se supón que van poñer a proba a hexemonía bipartidista. Como se os cidadáns fosen conscientes de que o goberno central segue dominando na toma de decisións, por moito Estado das Autonomías que queiran vender, nas eleccións xerais sempre se rexistra maior número de votantes que nas eleccións a outro nivel territorial (as que menos votantes rexistran, curiosamente, son as municipais, a pesar do tópico da administración máis próxima ao cidadán). E se o ambiente político segue a animarse, entre a irrupción de novas forzas e a indignación polos recortes e pola corrupción, poderían baterse marcas de participación.

Coa vista posta nesa meta final, andan todos a utilizar todos os recursos ao alcance de cadaquén, tanto lexítimos como ilexítimos, no fío da legalidade ou na mobilización popular. Quedan por diante varios meses de intensa loita política na que os partidos políticos, vellos ou novos, grandes ou pequenos, teñen a responsabilidade de recuperar a confianza dos cidadáns e corrixir –os vellos e grandes, ministros de Facenda incluídos– tantos anos de irresponsabilidade que deterioraron a democracia.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.