Mitos do 23-F – Xesús Veiga

264c2-xesusveigaMITOS  DO  23-F

A pesar do tempo transcorrido, a pantasma do 23-F reaparece cada certo tempo na vida política do Estado español.A xubilación anticipada do anterior Rei de España explica, seguramente, a pouca relevancia mediática dispensada nesta ocasión a semellante aniversario.Escribir un artigo sobre o acontecido o 23 de Febreiro de 1981 provoca un estímulo da memoria histórica directamente proporcional ao nivel do impacto biográfico daquel día na persoa que exercite semellante cometido.

O sucedido hai 34 anos derrubou certos mitos construídos despois da morte de Franco.Un deles procedía do universo das forzas políticas que pactaron o proceso de reforma dirixido por Adolfo Suárez e postulaba que os militares golpistas representaban unha facción residual do aparello militar.Aquela visión idílica foi desmentida coa entrada de Tejero no Congreso e coas longas horas posteriores onde predominou o apoio ou a pasividade dos xenerais que posuían capacidade de mando operativo.Outro mito habitaba nunha parte da esquerda que non tiña aceitado a renuncia das reivindicacións básicas do programa de ruptura co franquismo e consideraba que o pacto constitucional de 1978 era a expresión dun acordo homoxéneo e sólido das principais forzas económicas e políticas co Exército, a xudicatura e o Rei.Tal representación ficou desmontada pola realidade dun proxecto golpista que non trunfou, sobre todo, pola carencia dun proxecto ben deseñado e pola moi deficiente execución realizada.

Naquel mes de Febreiro, os dirixentes políticos que coñecían o clima realmente existente no Exército e non quixeron actuar en consecuencia estiveron a piques de arruinar o seu proxecto reformista. Na outra banda do escenario, as persoas que pensaban que o réxime postfranquista era o resultado dunha pacífica e consolidada rede de complicidades dos chamados poderes fácticos, espertaron no medio dunha treboada que nunca imaxinaran.

A maioría da cúpula militar daquel momento tiña dúas obsesións que excitaban aceleradamente a tentación intervencionista:a rehabilitación legal dun dos seus maiores inimigos históricos –o PCE- e a existencia de “movementos separatistas” (singularmente, a continuidade das accións de ETA).Se, ademais, a UCD padecía o virus do cainismo autodestrutivo, o PSOE –a través de Enrique Múgica- xogaba ao póker das frivolidades conspiratorias co xeneral Alfonso Armada e o Partido Comunista estaba en plena dixestión do seu novo papel como forza secundaria no territorio da esquerda, as condicións estaban servidas para que os “salvadores da patria” fixeran acto de presenza.

O fracaso do 23-F abriu as portas dun novo escenario político.Nun clima de acusado conservadorismo e de explícita recentralización –LOAPA mediante-, o partido de Suárez consumou o seu suicidio en favor dun Felipe González definitivamente “centrado” mentres Santiago Carrillo ficaba reducido á mínima expresión parlamentaria.Sete anos despois da morte de Franco, o comunismo español era completamente derrotado nas urnas e non polas armas de Tejero e Milans.A historia ten estes crueis paradoxos.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.