As inercias conservadoras do bipartidismo – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaAS  INERCIAS  CONSERVADORAS  DO  BIPARTIDISMO

Cando Susana Díaz decidiu adiantar as eleccións ao Parlamento de Andalucía xustificou tal medida pola necesidade urxente  dunha maior estabilidade naquel territorio.Realizando unha sorprendente moción de censura ao propio goberno bipartito que presidía, a dirixente socialista pretendía conseguir tres obxectivos na mesma xogada electoral:frear a potencial ascensión de Podemos, aproveitar a desfeita do PP en Andalucía para facer realidade un goberno en solitario e revalorizar a súa figura non interior do PSOE para unha eventual aterraxe futura na política estatal.

Díaz presentou o resultado das urnas cunha dose de triunfalismo que non se compadecía coa propia circunstancia de que estabamos ante o peor nivel de apoio electoral rexistrado polo seu partido.No canto de establecer unha estratexia negociadora que fose quen de propiciar un acordo estábel de gobernabilidade, pretendeu trasladar todos os custes da nova situación parlamentar aos demais partidos.

O labirinto político andaluz interpela, en planos diferentes, ás organizacións que conforman o vello bipartidismo e ás formacións emerxentes.O PSOE ten que demostrar se é capaz de asumir a mensaxe do corpo electoral e ten disposición para mudar a lóxica que presidiu habitualmente o seu comportamento.Ou ben promove un acordo co PP –opción que non merece o apoio da grande maioría dos seus votantes- ou busca un pacto de goberno con Podemos ou Ciudadanos (a posibilidade da converxencia con IU non semella verosímil despois da ruptura do bipartito anterior).En realidade, a investidura como presidenta é a condición necesaria mais non resulta suficiente para asegurar a continuidade da gobernabilidade.Calquera goberno que non acade unha maioría parlamentaria que permita aprobar os orzamentos da Comunidade respectiva, está condenado a un adianto electoral.

Antes do 24-M, Susana Díaz non semella ter vontade para realizar concesións relevantes.Nin sequera aceita –tal vez polas presións dos poderes fácticos do seu partido- a xubilación política inmediata de Chaves.O PSOE e o PP están instalados nunha inercia conservadora que vai provocar fortes resistencias á necesaria implantación de novas prácticas na xestión dos novos e complexos mapas políticos que van xurdir nos vindeiros días.

Para os partidos emerxentes, a situación andaluza suscita, tamén, dilemas relevantes.Pactar cun dos partidos tradicionais –sobre todo,antes dos comicios do día 24- implica padecer unha contaminación que pode ser resultar nociva.Manter a incertidume actual e/ou contribuír a unha repetición das eleccións provocaría un elevado custe na súa verbalizada condición de forzas útiles para rexenerar a “vella” política.

A partir de agora, viviremos un tempo político mais determinante.O pasado bipartidista  resiste parapetado en inercias conservadoras moi poderosas e as novas realidades necesitan demostrar a súa consistencia e capacidade para xerar unha dinámica política realmente transformadora.

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.