As mensaxes das urnas – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaAS  MENSAXES  DAS  URNAS

As análises sobre a cita electoral municipal do pasado día 24 deben ter presente a coñecida singularidade que caracteriza a estes comicios.A diferenza do que ocorre nas autonómicas, nas xerais ou nas europeas, o perfil e a credibilidade das persoas que encabezan as candidaturas teñen unha importancia indiscutíbel por mais que as siglas –sobre todo nos ámbitos mais urbanos- manteñen aínda unha relevancia notábel.Por iso ten sentido facer unha distinción entre as sete principais cidades galegas e o resto dos concellos.Non se trata de establecer prioridades artificiais na avaliación dos resultados nin se pode descoñecer as semellanzas nos comportamentos electorais que se rexistran en moitas vilas e concellos a pesar do seu menor nivel de poboación.Mais non se pode agachar a evidencia de que os cambios nas dinámicas electorais teñen como escenario destacado os universos humanos que se ubican nas sete cidades.

Se miramos ao conxunto do Pais e contabilizamos o número de votos, concellerías e alcaldías, observamos unha continuidade na hexemonía relativa das forzas (PPdG,PSdG e BNG) que encabezaban as preferencia do electorado no ano 2011.Poren, as tres padecen –en graos diferentes- un desgaste que se fai moito mais visíbel nas áreas mais urbanas.O partido de Feijoo só pode aspirar a gobernar –e sen maioría absoluta- o concello Ourense e sufre unha baixada tan forte que provoca a perda das deputacións de Pontevedra (circunstancia inédita na historia do actual sistema democrático) e da Coruña.O Partido Socialista fica desprazado á terceira posición en 5 das 7 cidades e o triunfo espectacular de Caballero hai que catalogalo como unha circunstancia derivada da súa condición de caudillo localista e non atribuílo ás virtudes da propia marca. O Bloque foi superado –en todas as cidades agás Pontevedra- polas mareas e plataformas que concorreron a estes comicios, coa circunstancia agravante de que nas tres primeiras cidades por número de habitantes (Vigo, A Coruña e Ourense, cun total de case 700.000 persoas) só obtén un concelleiro.Para atopar algo semellante habería que retroceder ao remate da década dos oitenta do pasado século.

O fenómeno mais destacado deste 24-M é, sen dúbida, o triunfo da Marea Atlántica e de Compostela Aberta.Acadar o primeiro posto no ranking non figuraba nos prognósticos demoscópicos mais optimistas.A pesar dos graves problemas  de corrupción que afectaron aos gobernos de Negreira, Conde Roa e A. Currás, non era doado imaxinar a magnitude da simpatía que conseguiron canalizar as candidaturas encabezadas por Xulio Ferreiro e Martiño Noriega.A converxencia de sensibilidades e correntes foi premiada por un amplo sector de votantes que querían saír do dilema tradicional (PP-PSOE) e buscaban novas fórmulas de goberno municipal.

Se Galiza formara parte da Gran Bretaña, teriamos visto e oído, na noite electoral, diversas dimisións de responsábeis políticos.Debemos abandonar toda esperanza de que florezan novas prácticas nas organizacións políticas? Teremos que asistir a unha nova escenificación da vella máxima lampedusiana :mudar algo para que todo siga igual? Veremos se as mensaxes críticas emitidas nas urnas son asumidas, sen retóricas nin ritualismos, polos dirixentes políticos.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.