A crise Grega – Xesús Veiga

264c2-xesusveigaA  CRISE  GREGA

O referendo grego do pasado día 5 foi unha boa proba para medir a solvencia democrática dos dirixentes políticos que administran as institucións da UE e dos Estados que forman parte do club da moeda única.Comprobadas as reaccións rexistradas antes e despois da consulta, a conclusión é preocupante:a case totalidade dos implicados non superan o test de calidade que cabe esixir ás persoas que ostentan semellantes responsabilidades.

Existe, sen dúbida, unha diverxencia no eido económico:o goberno alemán e a troika defenden a persistencia dun modelo que, ademais de provocar graves desfeitas no tecido social, non é quen de modificar os parámetros nos que se están movendo as economías periféricas.Se a diverxencia fose estritamente técnica, a solución sería doada:abondaría con analizar o sucedido en Grecia nos últimos cinco anos para concluír que os dogmas ditados dende Berlín e Bruxelas non resolveron os graves desequilibrios existentes senón que os agravaron profundamente.Poren, o cerne do problema está colocado noutro escenario:os poderes que hexemonizan a construción da UE non queren aceitar que o goberno de Syriza  pretenda aplicar os compromisos programáticos que propiciaron o seu triunfo nas eleccións de Xaneiro.Non admiten que haxa un goberno disidente no club.E por iso tratan de conseguir a súa derrota por terra mar e aire.

Pódese discutir a táctica negociadora seguida polo goberno grego nos últimos meses, ou as formas exhibidas polo ex -ministro  Varoufakis ou o momento elixido por Tsipras para convocar o referendo.Pero, dende unha óptica democrática, resulta imposíbel non concordar coa decisión de someter á consulta da sociedade grega a liña que se debe seguir nas relacións coas autoridades europeas.O contrario sería repetir o que se fixo no Estado español no ano 2010:daquela, Zapatero decidiu –pola presión da troika- cambiar radicalmente o seu programa electoral e mesmo chegou a un pacto co PP para modificar apresuradamente a Constitución para garantir o pago do débeda por riba de calquera outro gasto de carácter social ou produtivo.Velaí a grande diferenza entre ambos casos:as prácticas democráticas non son pezas accesorias que se deben subordinar, sempre, aos supremos designios dos mercados.

Certamente, hai un conflito de lexitimidades democráticas porque a UE é un espazo de soberanías compartidas.A pelota estaba no tellado dos gobernos mais poderosos da Unión (e, por suposto, das súas respectivas sociedades):desexan que Grecia siga formando parte do proceso de construción europea ou prefiren que fique fora?A primeira opción esixía importantes concesións da troika para garantir unhas condicións de vida dignas para a poboación grega.A outra alternativa, abría un camiño descoñecido que pode ferir de morte os plans que figuran nos actuais tratados europeos.A decisión final dos poderes fácticos encabezados polo goberno alemán foi a materialización dunha obscena chantaxe:ou as autoridades gregas aceitaban un conxunto de medidas mais duras das que xa se programaran anteriormente ou deberían abandonar inmediatamente a zona euro.A decisión de Tsipras abre graves interrogantes sobre o futuro de Syriza e sobre a propia viabilidade da pertenza de Grecia á moeda común en semellantes condicións.

A crise grega está certificando, mais unha vez, a desaparición da socialdemocracia tradicional como alternativa diferenciada no seo da UE.As graves descualificacións e ameazas emitidas polo presidente do Parlamento europeo -Martin Schulz- e outros membros do SPD que conforman a coalición gobernante en Alemaña  ou polo presidente do Eurogrupo (o socialista holandés Dijsselbloem) demostran os niveis de identificación desta corrente política coas decisións que ven adoptando A. Merkel.As declaracións públicas de Pedro Sánchez permitiron visualizar a descolocación patética de quen pretende ser unha alternativa a Rajoy pero non pode agachar unha coincidencia básica no xuízo sobre o goberno de Syriza.

O desenlace da batalla desenvolvida nos últimos seis meses entre o goberno grego e os organismos da “troika” permite considerar que, polo momento, non existen marxes suficientes para negociar e acordar políticas significativamente diferentes das que emanan dos despachos de Berlín e Bruxelas.Mentres non se rexistren cambios nos comportamentos electorais das sociedades do centro e do norte de Europa, a relación de forzas non semella que vaia ser distinta da que hoxe coñecemos.Lembrando unha vella consigna dos anos setenta do pasado século (“Hai que criar un, dous, tres.. Vietnam”) semella realista  concluír que a condición necesaria para facer realidade un novo modelo de construción europea é o xurdimento de alternativas gobernamentais –polo menos nos Estados periféricos- que cuestionen as actuais lóxicas dominantes.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.