Silencios sobre o bipartito – Xesús Veiga

264c2-xesusveigaSILENCIOS  SOBRE  O  BIPARTITO

Hai agora dez anos, comezaba a súa andaina o goberno galego de coalición entre o Partido Socialista e o BNG.A pesar de conmemorar unha cifra cronolóxica redonda, os principais medios de comunicación non están a dedicar espazos para lembrar o cambio provocado pola perda da hexemonía fraguista construída durante a década dos anos 90 do pasado século.O silencio resulta aínda mais sorprendente porque, alén das filias e fobias que profesan os creadores de opinión, o chamado goberno bipartito foi o intento mais serio, rexistrado nos últimos 25 anos da nosa historia, para artellar un proxecto alternativo aos que representaron, dende 1981, as sucesivas administracións autonómicas dirixidas por AP/PP.

Tamén se constata outro silencio moi chamativo entre os protagonistas daquel feito histórico.As únicas declaracións públicas sobre este aniversario procederon de dúas figuras –Pérez Touriño e Anxo Quintana- que levan moito tempo fora da primeira liña das súas respectivas organizacións.Non é doado explicar esta inhibición compartida.Por qué razóns, importantes sectores de ambos grupos políticos evitan reflexionar explicitamente sobre aquela experiencia, coma se fora un episodio pouco merecedor da exteriorización dun sentimento de orgullo e reivindicación permanentes?.

O balance mais crítico que se poda realizar sobre tal goberno non será quen de anular unha conclusión moi relevante:a pesar de todos os erros e deficiencias rexistradas, o labor da equipa encabezada por Touriño e Quintana foi mais construtiva para a maioría social do que houbo antes e do que veu despois.Calquera comparación que se faga cos 15 anos de Fraga e cos 6 de Feijoo deixa nun bo e digno lugar ao goberno que naceu no verán do 2005.

Dez anos despois, segue sendo necesario revisar as luces e as sombras daquel período para non repetir, no futuro, algúns dos erros mais graves cometidos por socialistas e nacionalistas.Se nas eleccións galegas do ano 2016 o PP non acada a maioría absoluta, xurdirá a oportunidade de conformar unha maioría gobernamental que terá igual ou maior heteroxeneidade da que estivo presente no posfraguismo.Nese caso, conviría que todas as forzas implicadas aprenderan as leccións do pasado.E unha delas semella pouco discutíbel:os votantes premian a colaboración gobernamental que propicie mudanzas efectivas no benestar social e na calidade democrática pero tenden a penalizar as liortas que só pretenden mellorar a posición de poder de cada un dos socios da coalición.As recentes negociacións arredor dos pactos posteriores ao 24-M permitiron constatar que o PSdG segue tendo unha importante asignatura pendente neste eido.A obsesión por ocupar unha posición hexemónica nos acordos de gobernabilidade dificulta as fórmulas de colaboración con outras organizacións e outorga unha grande vantaxe estratéxica ao PP.A outro nivel, o BNG debe enfrontar a preocupante sensación que se deriva do sucedido nas semanas posteriores aos últimos comicios municipais:non se entende moi ben a negativa a unha coalición de goberno coa Marea Atlántica ou con Compostela Aberta cando comparten a meirande parte da oferta programática e cando, ao mesmo tempo, chegan a bo porto as conversas co PSdG para administrar conxuntamente as deputacións da Coruña e de Pontevedra.

Nestes tempos nos que se fala, con razón, da pertinencia de procesos de converxencia para sintonizar cos desexos de cambio que existen en amplos sectores da nosa sociedade, sería unha mágoa que o bipartito ficara no curruncho onde se depositan os obxectos vellos.Esquecidos.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.