Outono electoral no sur de Europa – Xesús Veiga

264c2-xesusveigaOUTONO  ELECTORAL  NO  SUR  DE  EUROPA

O día 20 en Grecia. O 27 en Catalunya.E o 4 de Outubro en Portugal.Nas vindeiras tres semanas van ter lugar citas electorais moi relevantes no sur de Europa.

Os tres países teñen tradicións, estruturas e dinámicas políticas suficientemente diferenciadas como para pretender unha análise lineal e indiscriminada dos factores que van condicionar os resultados das urnas.Poren, cabe identificar un elemento común presente nas tres consultas:a incertidume sobre o peso que terá a posición das elites dominantes da UE no comportamento final dos tres electorados.En Grecia e Portugal, as decisións da “troika” teñen sido determinantes na evolución económica e social dos últimos anos e alteraron os vectores habituais nos que se desenvolvía a confrontación entre as distintas forzas políticas.No caso de Catalunya, a singularidade destas eleccións ao Parlament (coñecer o volume de persoas favorábeis e contrarias a unha futura independencia) revaloriza notabelmente a incidencia que poda ter nos votantes do 27-S a posición que manteñen as institucións da UE e o propio goberno alemán.

De xeito mais tácito que expreso, a presión sobre os corpos electorais xa está formulada:vostedes poden votar o que queiran pero se desexan seguir no club selecto residenciado en Bruxelas non deberán apoiar aquelas opcións que non gozan da total aquiescencia dos poderes fácticos comunitarios.Esta foi a lóxica que se aplicou en Grecia a partir do triunfo de Syriza no pasado xaneiro e, agora, é a que pendura sobre o desenlace da consulta catalana.As previsións demoscópicas que se manexan no veciño Portugal non deberían suscitar preocupación nos despachos da UE:mantense a hexemonía dos partidos tradicionais e só cabe pensar no relevo da dereita gobernante por un PS que aceitou os duros programas de intervención deseñados polo FMI,BCE e Comisión Europea.Curiosa asimetría a que se rexistra neste outono electoral entre a beira atlántica e a mediterránea.

Despois da contundencia exhibida polos dirixentes comunitarios en Grecia, ábrese un período decisivo para saber qué marxes de manobra existen para cambiar o actual modelo de construción europea.Estamos ante un conflito que precisa dun proceso de complicidades sociais plurinacionais.Non é posíbel acometer semellante tarefa nun único País.A experiencia de Syriza –mais alá dos erros graves que puideron cometer os seus principais responsábeis- certifica a necesidade dunha dinámica mais ampla na que se impliquen sectores relevantes dos chamados “Estados centrais” europeos.A espectacular vitoria acadada por Jeremy Corbyn nas eleccións internas do Partido Laborista británico alimenta algunha esperanza sobre ese necesario cambio nos vellos aparatos políticos existentes no espazo da UE.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.