Xerais con sabor a transición – Xosé A. Gaciño

bbf56-xosc3a9antc3b3niogacic3b1oXerais con sabor a transición

Vai concluíndo o maratón electoral que se iniciou cos comicios europeos en maio do ano pasado. Pasadas as andaluzas de marzo deste ano, as municipais e autonómicas (en trece comunidades) de maio, e as catalás de setembro, desembocamos agora, en cuestión dun par de meses, nas eleccións xerais. Será como a apoteose final despois deses exercicios de quecemento electoral, que foron clarexando algunhas tendencias apuntadas nas eleccións ao Parlamento Europeo, pero que non remataron de despexar dúbidas na evolución do mosaico de forzas políticas.

A principal tendencia marcada nesas eleccións europeas do 2014 foi a da decadencia do bipartidismo. Por primeira vez nunhas eleccións de ámbito estatal, a suma dos votos dos dous grandes partidos (Partido Popular e Partido Socialista) non chegaba ao cincuenta por cento do total dos votos (49,06 por cento exactamente). Paralelamente, medraban os apoios electorais a algunhas forzas minoritarias (Esquerda Unida, Unión Progreso e Democracia, e Cidadáns, que probaba sorte fora do seu inicial ámbito catalán) e emerxía unha nova forza política, Podemos, que, configurada poucos meses antes da data de votación, se situaba ao nivel das forzas minoritarias veteranas.

Ano e medio despois, e con catro convocatorias electorais cubertas, ese panorama ten matices a considerar, cara á última confrontación. Por exemplo, que o bipartidismo segue a estar en decadencia, pero resiste máis do que parecía. Tanto nas autonómicas andaluzas (62,19 por cento dos votos entre os dous “grandes”) como no conxunto das eleccións en trece comunidades autónomas (54,43 por cento) e no total das municipais (52,07 por cento) superaron a metade dos votantes. Sufriu en cambio un severo correctivo nas máis recentes eleccións autonómicas de Cataluña: só conseguiron atraer ao 21,2 por cento dos votantes. Certamente, nesta comunidade como en Euskadi, o bipartidismo estatal sempre tivo as súas limitacións, sobre todo nos comicios autonómicos.

En canto ás tendencias emerxentes, houbo máis novidades. Para EU e UPyD, a súa subida nas europeas foi como unha sorte de canto do cisne. A formación de Rosa Díez, que rexeitou un proceso de fusión con Cidadáns, foi desaparecendo de todos os escenarios electorais deste ano. Esquerda Unida baixou aos seus mínimos niveis de subsistencia.

A formación de Pablo Iglesias, verdadeira revelación daqueles comicios europeos, recorreu un camiño de euforia desde aquel 7,9 por cento de votos até encabezar sondaxes cóbado a cóbado cos dous grandes, para aterrar nun 14, 8 por cento nas eleccións andaluzas. Nas eleccións autonómicas de maio, Podemos só conseguiu superar esa marca en tres comunidades e a media no conxunto das trece comunidades quedou no 13,9 por cento. Non ían participar nas eleccións municipais, porque a súa incipiente estrutura organizativa non lles garantía a posibilidade de artellar candidaturas solventes na maioría de municipios, pero remataron por probar sorte en varias cidades, sumándose a candidaturas unitarias que tiveron éxito nalgunhas das máis importantes (Madrid e Barcelona en primeiro lugar). Aínda que os éxitos foron moi axustados e as alcaldías se conseguiron grazas a apoios externos (sobre todo, do PSOE), alimentaron de novo a euforia e xeraron unha presión favorábel ás candidaturas unitarias que as asembleas de Podemos rexeitaran antes das experiencias municipais. O fracaso nas eleccións autonómicas catalás veu aumentar o desconcerto: integrados nunha coalición que tratou de eludir o debate independentista co discurso contra a corrupción e os recortes sociais, os resultados (8.9 por cento dos votos) déronlles dous deputados menos que os conseguidos en solitario por un dos socios de coalición, Iniciativa per Catalunya, nas eleccións autonómicas do 2012. As últimas enquisas sitúan a Podemos en torno ao 15 por cento (o nivel de Esquerda Unida nos seus mellores momentos).

Paralelamente, Cidadáns foi partindo de resultados máis modestos até dar o salto en setembro nas eleccións de Cataluña (a súa comunidade de orixe) a un 17,9 por cento dos votos, con 25 deputados. Cidadáns compite agora cos dous grandes nas sondaxes xerais: o PP empeza a tremerlle, como demostra a súa campaña de intoxicación para presentalo como satélite dos socialistas.

Cara ás eleccións xerais de decembro, estamos posibelmente ante unha das campañas máis intensas de toda a historia da democracia, quizais comparábeis ás dos anos da transición. Hai unha sensación de cambio transcendente. Case todas as forzas políticas manexan a necesidade de facer reformas na Constitución, con maior ou menor profundidade. Pero a excepción é o PP, oposto a calquera reforma dese calado, e o PP aínda conserva reservas dabondo para ser a lista máis votada e, se non chega a gobernar, para bloquear unha verdadeira reforma.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xosé Antonio Gaciño. Guarda el enlace permanente.