O PPdG “DESCOBRE” A IMPORTANCIA DO BNG
O BNG celebrou a súa Asemblea Nacional sen alterar os prognósticos formulados a raíz do coñecemento das posicións defendidas polos distintos sectores da organización.A maioría dos 1.500 asistentes non quixeron buscar un espazo de consenso entre as propostas diverxentes que estaban en discusión.A mensaxe da nova voceira nacional resulta, ao cabo, notabelmente paradoxal:postula un futuro acordo electoral con forzas nacionalistas –rexeitando calquera hipótese de negociación con outras formacións da esquerda de ámbito estatal- despois de non ser quen de atopar un denominador común no seo do propio Bloque.Cando unha organización atravesa graves dificultades electorais necesita establecer e/ou fortalecer un acordo básico no seu interior se pretende enfrontar, con algunha garantía de éxito, semellante situación crítica.Neste sentido, o resultado desta Asemblea certifica a relevancia dun fracaso que pode ter importantes consecuencias no futuro inmediato.
Para quen tivera dúbidas sobre as mudanzas que se están rexistrando na política galega dende hai algúns meses, a reacción pública do PPdG ante esta cita asemblearia do BNG proporciona un indicio informativo realmente significativo.
Era imaxinábel, hai 3 ou 4 anos, que o voceiro galego do PP emitira unha mensaxe con desexos de sorte e de “recuperación da identidade” aos novos dirixentes elixidos nunha Asemblea do BNG?Qué faría daquela o PPdG se tivera que avaliar un encontro da organización nacionalista no que se aprobaran resolucións pedindo a liberdade de Otegui e apoiando o proceso independentista de Catalunya?Por moito menos que iso, os responsábeis do PP e as súas terminais mediáticas emprenderon, no seu momento, intensas campañas de criminalización da fronte nacionalista.
A explicación a esta novidosa e sorprendente exhibición de “buenismo” a respecto do BNG hai que buscala na desesperación que debe estar invadindo os despachos de Feijoo e da súa equipa.Cheiran a derrota nos comicios ao Parlamento do Hórreo e queren aproveitar as oportunidades que lle ofrecen os seus adversarios.Se poden contribuír á división do voto que se move no espazo da Marea e do BNG, moito mellor.Evitar a optimización que se derivaría dunha confluencia multiplicadora entre os segmentos nacionalistas e aqueles sectores da esquerda estatal ubicados á marxe do PSOE, é un obxectivo da máxima prioridade para os que manexan o aparato “popular”.
“Divide e vencerás” é unha vella máxima que xa foi utilizada por Feijoo na campaña que precedeu aos comicios do ano 2012.Naquela conxuntura, a comparecencia de AGE e de CxG –opcións creadas a partir da división nacionalista provocada pola Asemblea de Amio- facilitaba a execución de semellante táctica.Agora quere reeditar a experiencia para obter un resultado satisfactorio.Conseguirá facer realidade semellante pretensión?A pesar de que o desgaste electoral do PP é, agora, sensibelmente superior ao que existía hai tres anos, todo vai depender dos acertos e dos erros que cometan as forzas políticas da oposición.A carencia dun liderado consistente no PSdG, as liortas e incertidumes que se rexistran no seo da Marea e as decisións adoptadas na recente Asemblea do BNG provocan, a esta altura, mais desacougo do que sería desexábel.Está en xogo a continuidade da prolongada hexemonía electoral do PPdG.Que ninguén esqueza esta circunstancia.Non se poderá alegar ignorancia para fuxir das responsabilidades ante un eventual fracaso.