Se non hai ética non hai periodismo – Purificación Rodríguez Calvo

Purisima“Se non hai ética non hai periodismo”

Purificación Rodríguez Calvo

O pasado día 3 de maio, coincidindo co Día Mundial da Liberdade de Prensa, entregouse ao xornalista Miguel Ángel Aguilar  o XII Premio José Couso. No marco dos actos programados levouse a cabo, como é habitual, a ofrenda floral no monumento “Ás Ceibes” no Cantón de Molins en cuxo transcurso a xornalista ferrolá Purificación Rodríguez Calvo deu lectura a un manifesto que polo seu interés e coa súa autorización reproducimos a continuación.

“En decembro de 1946 as Nacións Unidas declararon a liberdade de prensa como un dereito fundamental. Sesenta anos  despois, reunidos para conmemorala, temos que lamentar que este recoñecemento estea moi lonxe aínda de supór unha garantía no seu exercicio cotián.

Nós, os xornalistas do mundo libre, só  podemos facer o noso traballo en tanto que non amolemos  ao poder. E isto é así porque, aínda que na teoría a liberdade de prensa é consubstancial á democracia, na práctica, o que resulta consubstancial a calquera sistema, incluído o democrático, é defenderse das agresións. E sacar á luz a verdade parece ser unha das peores.

Á vista dos últimos acontecementos, semella que dificilmente se pode tentar sequera contar a verdade cando as propias empresas periodísticas son, en boa parte dos casos, as meirandes valedoras do sistema, e cando os nomes dos seus responsables aparecen mesturados en turbios asuntos.

Que aqueles xornalistas un día respectados polo seu traballo, polo seu compromiso e pola súa traxectoria profesional se vexan salpicados pola lama na que a miúdo chapuzan políticos e outros prebostes da comunidade é terrible. Pero é máis terrible aínda que cando se informa ao respecto reaccionen matando, eles tamén, ao mensaxeiro.

Dito isto, nada máis aló da miña intención que presentar ao  xornalista como un ser iluminado por unha graza especial que o fai posuídor da verdade. Pero si vou  reivindicar a súa figura como a de alguén cuns principios éticos que o obrigan a facer un exercicio permanente de rigor e ecuanimidade.

Nun país, nun mundo, no que xa apenas sorprende ningún comportamento,  hai certas profesións que parecen especialmente desprestixiadas: o xornalismo, lamentablemente, é unha delas.

E a culpa de que ou de quen é? Non é un segredo que os medios están a sufrir un proceso de reconversión no que non acaban de atopar a fórmula maxistral para ser rendibles e manter certos criterios de calidade. Adoita ocorrer que este segundo factor se sacrifica en favor do primeiro. Pero a culpa non é “da sociedade” -ese ente abstracto que serve para xustificar a violencia, a apatía, a mala educación e a corrupción entre outras eivas que nos arrodean-, a culpa tamén é nosa.

A transparencia que predican as administracións chega ata onde alcanzan os seus intereses, e quen ten que exercer a función de vixiar aos gobernos -a oposición- prefire agardar a súa quenda ou buscar golpes de efecto en termos políticos no canto de cumprir o seu papel para que quen goberna xestione ben. Mentres, os medios centran os seus esforzos en remexer nas desgrazas que suceden a diario recreándose con todo luxo de detalles nas crónicas de sucesos que, hoxe, son as auténticas protagonistas da información.

E que facemos os xornalistas ante esta situación? Acomodarnos, entrar no xogo político artificioso e autoconvencernos de que pouco podemos facer para mudar as cousas. É verdade que as empresas periodísticas abusan; que os profesionais non podemos especializarnos porque temos que atender mil e unha frontes sen apenas tempo para reflexionar; que o xornalismo de análise está desaparecido; que as esixencias son moitas e as satisfaccións poucas.

Como lles ocorre a outros colectivos, poucas ferramentas temos nas mans, nós, os xornalistas, para dignificar a nosa profesión, pero dalgunhas si que dispoñemos. Evitar a autocensura é a principal. É fácil caer na tentación de non escribir o que un coida que non será do gusto da empresa na que traballa para evitar problemas, pero iso é traizoar non só aos destinatarios da información senón a un mesmo como profesional. Houbo un tempo non tan remoto en que a censura contra a que había que loitar era a imposta polo Goberno e aínda así buscábase a forma de esquivala. Sempre hai xeitos de facelo.

Tamén é doado xustificar o sesgo dunha información que suscita algunha crítica amparándose na política do medio, é dicir, a culpable é a empresa, non o xornalista. Pero resulta obvio que cando un pon a súa firma enriba dunha información tócalle asumila de principio a fin, porque a firma é patrimonio dun mesmo.

O risco de se endiosar, pensando que un ten a chave para moldear a opinión, ou de menosprezar o traballo de seu por entender que o que diga un simple xornalista non vai influír en ninguén están aí, máis o primeiro que o segundo, e ambos os dous son perigosos. O xornalista ten que volver a entender a súa profesión como un servizo á sociedade.

E, aínda que non resulte fácil, os periodistas tamén podemos recoñecer ignorancia nun ou en moitos temas. Aínda que os supostos referentes do xornalismo nacional queiran convencernos, día si e día tamén, en toda canta tertulia hai de que saben de todo e sobre todo teñen opinión.

Así as cousas, volvendo a onde comecei, para que a nosa volva a ser unha profesión respectada, non nos queda outro camiño que reivindicar a ética, os valores que se nos supoñen como xornalistas.

Sei que é difícil ser paladíns nun mundo que xa non valora a resistencia, e máis ben glorifica ao pillo; pero se non hai ética no periodismo, non hai periodismo. E moito menos nunha sociedade coma a de hoxe, na que o acceso á información non depende de que haxa ou non xornalistas. Se nós non nos ocupamos de escollela, de contrastala e de reflexionar sobre ela, deixamos de ser necesarios. Por iso é importante recoñecer o traballo de profesionais como Miguel Ángel Aguilar, que hoxe recibirá o premio José Couso, porque –como el mesmo dixo nunha acertada metáfora- ocupánse de buscar auga potable nun mundo inundado.

E non podo rematar sen ter un recordo para José Couso, o meu compañeiro de colexio nas aulas da Jorge Juan, aquel neno tranquilo, simpático, agarimoso e bo rapaz e ao que todos queríamos. A súa morte, o seu asesinato, deixounos a cantos o coñecimos coa alma encollida. Nunca seremos quen de recuperarnos.”

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ACTUALIDAD. Guarda el enlace permanente.