Gaña Leiceaga, perde Feijóo – Xoán Antón Pérez-Lema

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaCADERNOS DA VIAXE

As primarias para elixir candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta remataron cunha relativa sorpresa, pois que Xaquín F. Leiceaga impúxose a Méndez Romeu (55,67% vs. 44,33%). A participación, arredor dun 65%, foi moi alta, en comparanza coas obtidas en procesos de primarias ou congresuais de Podemos, Anova ou o BNG. Quizais sería porque os dous proxectos eran nidios e definidos. E ía haber, de certo, gañadores e perdedores.

O exconselleiro Méndez Romeu achegaba boa capacidade política e relacional, indubidábel intelixencia e ampla experiencia. Achegaba tamén o apoio do superalcalde Caballero (en Vigo  Romeu arrasou cun 77% de votos), da presidenta da Deputación pontevedresa Carmela Silva, dos exministros Caamaño e Blanco, do exalcalde lugués Orozco, do ex secretario xeral Pachi Vázquez e dos restos do vazquizmo coruñés. Achegaba o proxecto de hexemonía socialista propio da época do felipismo e do guerrismo, que no 2016 é tan irreal que constitúe pouco máis ca unha desculpa para non artellar a alternativa plural que lle dea o relevo democrático a Feijóo.

Fronte esta potente alianza, Leiceaga achegou o sentido común da afiliación de base (que ten claro que o adversario é o PP e non acredita noutras andrómenas) e un proxecto de País que sempre lle acompañou e que lle vai permitir participar con forza nunha coalición galeguista e progresista de goberno, no caso moi probábel que PP e C´s non acaden no vindeiro outubro a maioría absoluta.

É chocante ler que a escolla entre F. Leiceaga e M. Romeu era puramente de persoas ou de grupos. Porque non era tal. Tratábase de decidir entre un proxecto de cambio, con perspectiva de País ou a recreación dun pasado localista e xacobino, en conexión con aqueles que semellan preferir Rajoy ou Feijóo a lle ofrecer á cidadanía unha alternativa plural que mellore a calidade da nosa democracia, que aposte polo crecemento e que enfronte as reformas precisas para lle dar canle á plurinacionalidade do Estado.

Velaí que o perdedor destas primarias sexa, moito máis ca Méndez Romeu e os seus aliados, o propio Núñez Feijóo. Porque agora, coma no xa distante 2005, enxérgase unha moi probábel alternativa plural que sexa quén de arquivar o austeritarismo romo e falto de xestión e ilusión que definiu estes sete anos de goberno do PP no noso País.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.