O 15-M – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaO  15-M

Xesús Veiga

Cúmprense, agora, cinco anos do nacemento do chamado “movemento 15-M”.Cando apareceron aquelas manifestacións e acampadas protagonizadas por milleiros de persoas –cunha porcentaxe moi maioritaria de mozos e mozas- no mes de Maio de 2011, houbo reaccións diverxentes na opinión pública e na publicada.Houbo, sen dúbida, simpatía expresa ou tácita en moitos sectores sociais que padecían unha dupla frustración: a derivada das penalidades asociadas ao impacto da crise económica nas súas condicións de vida e a que suscitaba o papel dos gobernantes –daquela, para mais inri, pertencentes a un partido político que se autoidentificaba no universo da esquerda- na xestión da desfeita económica.Aínda estaba quente, na memoria colectiva, a espectacular viraxe realizada por Rodríguez Zapatero un ano antes –Maio de 2010-, modificando substancialmente o seu programa electoral para executar as directrices emanadas da “troika”.

O “movemento dos indignados” era –coma noutros casos históricos anteriores:OTAN, Prestige, guerra de Irak- unha expresión do forte malestar presente nunha parte do corpo social.A orixinalidade do 15-M radicaba, polo menos, en dous vectores novidosos:o cuestionamento do propio sistema de representación política e a utilización de formas inéditas de organización no desenvolvemento das protestas.Nas ocasións precedentes, o que se pedía era o cambio en determinadas políticas (saída dunha alianza militar, nova regulación do transporte marítimo, remate dunha iniciativa bélica) e a dimisión dos cargos gobernamentais responsábeis.Neste caso, o que se colocaba no primeiro plano tiña que ver coa modificación das regras de xogo da democracia vixente.A crítica indiscriminada ás forzas políticas presentes nas institucións (“non nos representan”; “chámanlle democracia e non o é”) ía acompañada de propostas alternativas mais ou menos elaboradas.

O 15-M mereceu, inicialmente, a desconsideración ou a indiferenza da case totalidade das forzas políticas existentes.O PP foi, sen dúbida, o mais belixerante a pesar de que esas mobilizacións masivas aceleraban o desgaste do goberno de Zapatero.O Partido Socialista quixo repetir a táctica do 11 de Marzo de 2004 e tratou de atopar unha mínima empatía capaz de evitar o desastre electoral que anunciaban os inquéritos.IU, sorprendida pola envergadura do movemento, fixo todo o posíbel para se constituír como referente político-electoral do clima de indignación que mostraban as protestas.A dirección do BNG non foi capaz de comprender a importancia do que estaba xurdindo nas rúas e mantivo un distanciamento crítico que reforzou a dinámica de perda de apoios sociais que viña padecendo.

A boa imaxe e a simpatía que suscitaron as plataformas vinculadas ao 15-M alimentaron un debate que xa aparecera noutras situacións análogas:o movemento dos “indignados” debería seguir sendo unha expresión, mais ou menos organizada, do descontento fronte ao sistema económico e político ou debería dar os pasos requiridos para comparecer nas citas electorais?A presenza de Podemos como partido político nos comicios ao Parlamento europeo celebrados no ano 2014 clarexou semellante dilema.A partir dese momento, os defensores do bipartidismo tradicional mudaron significativamente a súa posición discursiva:pasaron de esixir aos manifestantes que abandonaran as rúas e participaran na vida política institucional a emitir fortes críticas ás novas formacións que ocupaban escanos nos concellos e parlamentos.

A pegada do 15-M no sistema político resultou indiscutíbel.A súa existencia provocou un clima social mais favorábel á realización de cambios relevantes na relación entre os partidos e os seus votantes, no desenvolvemento da propia vida interna das organizacións políticas e no comportamento ético das persoas que forman parte das mesmas.Certamente, as mudanzas non tiveron a fondura que se reclamaba nos manifestos fundacionais debido a que as vellas prácticas están moi enraizadas nunha parte do sistema político e seguen contando coa complicidade ou a benevolencia dos segmentos sociais menos dinámicos.

Xesús Veiga

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.