Entre duas eleccións – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaENTRE  DUAS  ELECCIÓNS

Xesús Veiga

As análises postelectorais sempre suscitan a mesma dúbida:qué referencia tomar para avaliar os resultados das distintas forzas concorrentes? A traxectoria histórica desas formacións ou as expectativas xeradas nas semanas anteriores?

As previsións formuladas pola grande maioría das empresas demoscópicas –e asumidas, na meirande parte dos casos polos comentaristas habituais dos medios de comunicación mais relevantes- non se compadeceron coa realidade derivada das urnas.A suba do PP e o simultáneo descenso de PSOE, UP e C’s non foi detectado nos prognósticos.A linguaxe corporal exhibida polos líderes na noite electoral certificou a sorpresa que experimentaron ante o fenómeno imprevisto.A ledicia exultante de Rajoy, a satisfacción case obscena de Sánchez  polo fracaso do anunciado “sorpasso” e a frustración visíbel nos acenos de Iglesias e Rivera pola baixada nos apoios recibidos, resultaron tan evidentes que non precisan mais síntomas probatorios.

As cifras acadadas polo PP si merecen unha reflexión específica que case non está aparecendo nas tribunas mediáticas.O incremento do apoio ao partido de Rajoy (mais de 600.000 votos adicionais e 14 deputados a maiores dos obtidos en Decembro) confirma que os novos episodios de corrupción dos últimos meses e o coñecemento do gravísimo episodio protagonizado polo ministro do Interior –preparación de montaxes policiais para desgastar a dirixentes de ERC e CDC- non penalizaron a elevada fidelidade dos votantes deste partido.Que case oito millóns de persoas avalen esas prácticas corruptas revela a existencia dunha grave enfermidade moral nunha parte significativa do corpo social.Moito mais cando no mercado electoral existe outro partido conservador –Cidadáns- que aínda non padece semellantes niveis de lixo na súa breve historia e podería ser un refuxio para quen tivera un maior nivel de esixencia ante o comportamento dos responsábeis políticos.Os votos lexitiman a capacidade dos partidos para formar gobernos pero non limpan a catadura ética dos elixidos.A terceira parte dos votantes no ámbito do Estado español son cómplices da corrupción.Sabían o que había. Non poden alegar ignorancia.

A lectura galega do 26-X ten o interese engadido das posíbeis consecuencias nas eleccións autonómicas previstas para este outono.A suba de 30.000 votos rexistrada polo PP, o leve incremento porcentual do PSdG e o descenso experimentado pola Marea e polo BNG alimentan as esperanzas de Feijoo e obrigan a unha urxente reflexión e/ou rectificación por parte das forzas que, potencialmente, poden construír unha alternativa gobernamental nos vindeiros meses.

A perda –basicamente cara a abstención- de case 67.000 votos sufrida por En Marea constitúe, sen dúbida, a maior sorpresa rexistrada nestes comicios.Aínda que as respostas definitivas requirirán o coñecemento dos estudos postelectorais que ponderen o peso relativo das distintas causas concorrentes, poden formularse algunhas hipóteses explicativas:subordinación do compoñente nacionalista presente na coalición (renuncia ao partido instrumental para forzar a consecución do grupo parlamentar propio, excesiva presenza dos referentes estatais na dinámica da campaña…); exhibición pública dunha forte conflitividade interna vinculada a loitas pola consecución de espazos de poder para as distintas partes integrantes da confluencia; desmobilización provocada pola constatación da inviabilidade dun goberno de coalición co Partido Socialista.

No caso do BNG, as explicacións semellan menos complicadas.Unha parte dos 25.000 votos perdidos dirixíronse, probabelmente, ás candidaturas da Marea e o resto pasou a incrementar a cifra dos abstencionistas.A pesar de que diversos dirixentes da organización nacionalista manifestaron ,nos últimos meses, a súa convicción de que a desaparición da histórica sigla fora a causa fundamental do devalo padecido o pasado 20 de Decembro, as cifras deste comicios demostran que a depreciación da marca é irrecuperábel.O test das autonómicas vai ser determinante:se o BNG non é quen de chegar ao 5% nalgunha das circunscricións vai ficar convertida nunha forza política totalmente irrelevante fora do ámbito municipal.

O PSdG aguantou mellor do que cabía pensar os efectos combinados do perigo de “sorpasso” que anunciaban os inquéritos a nivel estatal e as feridas internas provocadas polas primarias e pola dimisión de Besteiro.Despois do 26-X, Leiceaga está en mellores condicións para acadar a segunda posición na confrontación con Feijoo.Só ten un risco potencial moi contundente:a eventual abstención do PSOE para facilitar a investidura de Mariano Rajoy.Nese caso, a reacción dunha parte do electorado socialista podería arruinar as boas expectativas das que dispón, neste momento, a candidatura do profesor da USC.

Xesús Veiga

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.