O conto da unidade de mercado – Xoán Antón Pérez-Lema

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaCADERNOS DA VIAXE

O CONTO DA UNIDADE DE MERCADO

Xoán Antón Pérez-Lema

De certo que moitas persoas ficarían pampas diante da adxudicación dos postos do polbo de San Froilán de Lugo a un “chiringuito financeiro” madrileño, sen experiencia hostaleira ningunha. Máis graves foron as adxudicacións dos servizos de comedores escolares a empresas andaluzas que non cumprían os mínimos níveis de calidade e fornecían xantares propios do Sur peninsular, desaquelados a respecto dos nosos costumes e necesidades. Por outra banda, son continuas as queixas a respecto da calidade e axeitamento da comida no Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo, cando a alimentación dos doentes hospitalarios é parte do propio tratamento médico.

Subxace en todos estes casos a sacralización do único criterio do prezo, que beneficia as ofertas das empresas máis grandes e con mellor financiamento. Grandes empresas estatais ou multinacionais, con importantes vencellos cos operadores políticos, mediáticos e financeiros madrileños, que están a expulsar ou , polo menos, a subordinar ás empresas locais (as nosas, as galegas) que son as que achegan experiencia técnica  e coñecemento sectorial.

Baixo o pretexto de garantir a unidade de mercado o PP de Rajoy abusou da súa maioría absoluta para aprobar, na fin do 2013, unha lei “ad hoc” que impide ou dificulta en moi grande medida que a Xunta e os nosos concellos poidan priorizar na contratación administrativa e na regulación da actividade empresarial circunstancias ou requisitos que potencien a contratación de persoal local, que esixan requisitos ambientais ou de calidade propios de Galicia ou que tenten fomentar o tecido empresarial local.

Esta Lei de garantía da unidade de mercado (que estudou a eito a Profesora da USC Alba Nogueira, experta en Dereito Público), xunto con outras normas, como a de modernización dos gobernos locais, constitúen en realidade un mecanismo de recentralización que recurta substancialmente o autogoberno galego e local, ao tempo que fana as posibilidades dos Poderes galegos para reactivar a actividade económica  e o desenvolvemento sostíbel. Potenciando aos de fóra, mancan as nosas empresas e danan o noso benestar.

Miran moi ben o que lles convén e, para iso, contan os contos que lles cómpre.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.