A escolla do 25 de setembro – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaA  ESCOLLA  DO  25  DE  SETEMBRO

Xesús Veiga

A pesar dos prazos legais vixentes, a campaña electoral, de facto, xa ten acadado unha notábel velocidade.E a liña argumental prioritaria de Núñez Feijoo está resultando ben visíbel:atacar as eivas que presentan as forzas da oposición e ofrecer un rutineiro continuísmo gobernamental para os vindeiros anos.

O actual presidente da Xunta insiste, habitualmente, na idea de que o seu partido é o principal garante da unidade de Galiza (entre outras cousas porque, segundo asegura, a propia organización é un exemplo paradigmático dese clima de consenso).As dúas afirmacións non se corresponden exactamente coa realidade.Nas elección ao Parlamento do Hórreo acontecidas na última década hai unha grande igualdade no volume de votos acadados polo PP e polo conglomerado de grupos alternativos (PSdG,BNG,AGE…).E para relativizar a unidade do PPdG só abonda con citar a “ourensanía” que pregoa Baltar para lexitimar o seu estrito dominio clientelar ou lembrar -hemerotecas mediante- aquel esperpéntico peche de varios deputados baltaristas nun piso compostelán para presionar ao mesmísimo Fraga Iribarne.

Feijoo dispón dunha vantaxe considerábel:a “bula” mediática que lle permite vender as súas mercadorías políticas sen pagar a peaxe que os seus adversarios abonan case todos os días.Por exemplo:os comentaristas de quenda expresaron un clamoroso silencio cando o PPdG presentou unhas listas nas que se busca acubillo a persoas que ocupan cargos executivos na Xunta –para agradecer os servizos prestados e de paso evitar que un eventual fracaso nas urnas os coloque no desemprego político- ou nas que se intercambian posicións entre o Senado e o Hórreo como xeito de resolver distintos problemas partidarios.

A experiencia histórica demostra que o PPdG só é capaz de gobernar con maioría absoluta.O propio candidato anunciou que, se non a ten, renunciará a encabezar a oposición parlamentaria a partir do 25-S.A pedagoxía que difunden é tan simple como nociva:ou gobernan en solitario ou Galiza padecerá unha variante do caos bíblico.

Nos últimos días, Feijoo apurou os agasallos preelectorais (gratuidade do transporte interurbano para menores de 18 anos, recuperación das pagas retirados aos empregados públicos, subsidios polas treboadas na Ribeira Sacra) e tivo un aliado imprevisto en Abel Caballero.A dinámica autodestrutiva encetada polo alcalde vigués favorece a desmobilización do electorado socialista e pode facilitar que o PP consiga, finalmente, algúns escanos decisivos.Caballero semella non aprender do pasado recente do seu partido:cando Paco Vázquez promoveu a suicida doutrina localista, o PSdG pagou un prezo elevado nas urnas.O propio Abel, nos comicios de 1997, foi claramente derrotado polo BNG que encabezaba X.M. Beiras.

A conformación de “En Marea” como partido instrumental permitiu constatar a capacidade de xestión da complexa pluralidade que habita nese espazo político.Por primeira vez na historia electoral galega, mais de 10.000 persoas elixiron as candidaturas das distintas circunscricións e, ademais, outorgaron unha forte lexitimidade democrática a Luis Villares como candidato á presidencia da Xunta.As mensaxes integradoras da diversidade que está emitindo Villares poden ser un factor fulcral na xestación dunha alternativa gobernamental construída sobre os denominadores comúns das tres forzas que hoxe integran a oposición ao PP (PSdG, En Marea, BNG).Quen demostra unha cualificación solvente na administración da propia diversidade interna posúe unha credibilidade contrastada para enfrontar o reto de presidir un goberno de coalición.

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.