Neutralidades que matan – Xoán Antón Pérez-Lema

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lemaCADERNOS DA VIAXE

NEUTRALIDADES QUE MATAN

Xoán Antón Pérez-Lema

Absterse ou votar en branco son decisións  lexítimas. Pero non son, aquí e agora, decisións cívicas, decisións de cidadáns responsábeis. Galicia enfronta unhas eleccións nacionais decisivas, nas que nos xogamos afondar na depresión social, económica e política que presidiu a vida do noso país nos últimos sete anos e medio ou posibilitar unha alternativa plural que tente darlle a volta a un presente no que sobrancea o abandono do territorio e do medio rural, a emigración da xente nova máis cualificada, a falla de oportunidades empresariais e unha ferreña dependencia dun Madrid cada vez máis invasivo, recentralizador e monopolizante.

A pluralidade de opcións fronte á dereita é unha realidade, é unha circunstancia. E, ben mirado, é unha oportunidade. Existe unha oferta variada que permite escoller cál é o matiz que cada quén quere privilexiar para lle dar o relevo á omnipresente dereita de Rajoy e Feijóo. En Marea, Compromiso, BNG ou PSdeG están hoxe por un cambio  substantivo, malia que gradual e tranquilo, polas propias limitacións do marco institucional e pola propia dinámica dun goberno alternativo que terá que botar mán do consenso, da participación e da seducción social como principais ferramentas de traballo. Os candidatos principais (Villares, Pontón, Leiceaga ou Bascuas) son persoas honestas e competentes. Non son tolos visionarios nin demagogos. E semellan ser quén a traballar en equipa.

O que se xoga o 25-S non é a revolución, nin a independencia, senón a posibilidade de executar un programa de goberno de ampla base, que mire polos intereses das maiorías sociais, que reactive en beneficio dos máis a economía, que use e amplíe o autogoberno como ferramenta principal do benestar e que se poña a traballar nos grandes eixos do noso futuro: ordenación territorial, política portuaria, innovación, sectores primarios, reindustrialización, acción exterior, afirmación da nosa lingua e cultura… Un programa de goberno plural, pero  consensuado,  realista, mais transformador, que rache coas inercias e poña en valor o traballo de ducias de milleiros de galegos con ideas e aptitudes. Que poña de vez Galicia na Europa e no mundo.

Sempre haberá repunantes. Mais desta volta o que non vote que non veña chorando despois. Porque hai neutralidades que matan.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xoan Antón Pérez-Lema. Guarda el enlace permanente.