A guerra mediática – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaA  GUERRA  MEDIÁTICA

Xesús Veiga

As recentes eleccións ao Parlamento galego e a dimisión de Pedro Sánchez como secretario xeral do PSOE colocan aos medios de comunicación na axenda das inescusábeis reflexións dos sectores mais críticos da opinión pública.

Afirmar que a vitoria nunha confrontación electoral é debida, primordialmente, ao comportamento dos medios é unha simplificación que debe ser abandonada nas análises posteriores ao peche das urnas.Pero descoñecer a importancia dese factor na conformación da opinión do electorado é un despropósito que descualifica a quen o practica.

Matinando sobre o sucedido o pasado 25 de Setembro convén, antes de nada, exercitar a memoria.Nos últimos meses do ano 2008, o bipartito (PSdG-BNG), a pesar de que encaraba o remate da lexislatura exhibindo un balance razoabelmente satisfactorio na evolución dos índices que miden o benestar social dunha comunidade, tivo que aturar unha campaña mediática –promovida, fundamentalmente, polo principal grupo empresarial privado de ámbito galego- que buscaba crear a opinión de que Touriño e Quintana eran uns vividores rodeados de bens de luxo e distantes do sufrimento dos sectores mais desfavorecidos da sociedade.Chegou o día das eleccións e xa sabemos o que pasou:o BNG perdeu un deputado na provincia da Coruña e Feijoo acadou os 38 escanos da maioría absoluta.As razóns dese resultado foron, sen dúbida, variadas pero no catálogo explicativo deben figurar aquelas inesquecíbeis portadas apocalípticas.

Agora, as imaxes comprometedoras das amizades perigosas de Feijoo deixaron paso a un menú con dous pratos:a creación e consolidación do mito da boa xestión presidencial e o aproveitamento intensivo de calquera oportunidade para afortalar a idea do caos asociado a unha eventual alternativa gobernamental da oposición.

Citemos un exemplo revelador da práctica desa dualidade valorativa.Tres días antes de que rematara a campaña, Feijoo pediu explicitamente o apoio dos votantes para “elixir directamente” ao presidente da Xunta.A filosofía que estaba postulando non se compadecía coa letra e o espírito da actual Constitución:aquí non hai eleccións presidenciais; vótanse representantes parlamentarios que logo elixen á persoa que preside a Xunta.Ningún dos analistas habituais reparou e criticou esta nociva pedagoxía empregada polo dirixente do PPdG.Qué tería ocorrido se tal mensaxe fora emitida dende a Marea ou dende o BNG?As acusacións de populismo chavista estarían servidas dende o primeiro minuto.

É verdade que as razóns do triunfo do PP son mais amplas pero o dilema interesado difundido dende o “estado maior” do partido gobernante –ou Feijoo ou o caos- foi metabolizado por unha parte do electorado mediante a coñecida máxima de que ”é mellor o mao coñecido que o bo por coñecer”.

Non se lembraba unha unanimidade semellante na prensa escrita editada en Madrid a respecto da figura de Pedro Sánchez.Unha sorte de “inimigo público número 1” que mereceu tal nivel de belixerancia que o propio Borrell protestou verbalmente contra os editoriais do xornal El Pais.Argumentaba o ex –ministro socialista que o secretario xeral do seu partido non podía ser electo polo grupo PRISA.Velaí, precisamente, a liña vermella que atravesaron estas empresas mediáticas:non só apostaron por un goberno de Mariano Rajoy senón que tamén quixeron seleccionar o modelo de oposición dos vindeiros meses.E quen non aceite ese deseño, deberá asumir as consecuencias.Como en calquera outra guerra, aquí vale todo.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.