O futuro inmediado do PSdG – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaO  FUTURO  INMEDIATO  DO  PSdG

Xesús Veiga

Na xunta do Comité Federal do PSOE na que se acordou, por maioría, permitir a investidura de Mariano Rajoy falaron diversos dirixentes deste partido, entre eles Abel Caballero. Grazas ás filtracións publicadas nos medios do grupo PRISA, sabemos que o alcalde de Vigo formulou unha tese espectacular: a posición do “non é non” defendida por Pedro Sánchez foi a causa determinante do triunfo de Núñez Feijoo nas eleccións do pasado 25 de Setembro.

O surrealismo argumental de Caballero é moi ilustrativo do despropósito no que fican instaladas as persoas integrantes dos organismos dirixentes do Partido Socialista.Antes das primarias realizadas para elixir ao candidato á presidencia da Xunta non se escoitou este singular punto de vista.Os defensores de Méndez Romeu non explicitaban a necesidade de postular a abstención no Congreso dos Deputados.Se daquela descubriran o que agora coñecemos, os resultados serían, previsibelmente, mais favorábeis a Leiceaga do que xa foron.

Abel Caballero está embriagado co apoio recibido nas municipais de 2015 e pensa que a situación galega ou estatal permite unha translación das lóxicas que el utilizou no concello de Vigo.Considera que o devalo electoral do seu partido é un fenómeno conxuntural –atribuíbel á equipa de Sánchez- e que poden regresar ás vellas porcentaxes de apoio do 40% se Susana Díaz toma a dirección executiva do partido. De dúas unha:ou ten unha grande incapacidade mental para entender os cambios que se teñen rexistrado no comportamento electoral dunha parte significativa do corpo electoral ou utiliza o mal resultado acadado pola sigla socialista para crear as condicións que lle permitan controlar o PSdG no vindeiro Congreso. Tendo a pensar que estamos ante esta última opción:encabezar –seguramente a través dunha persoa interposta- os descontentos coa elección de Leiceaga para obter o poder interno e condicionar decisivamente o labor futuro na Cámara do Hórreo.

A belixerancia que exhibe Caballero contra a suposta incompetencia electoral dos seus adversarios non se compadece cun mínimo exercicio da memoria histórica.No ano 1997 foi candidato á presidencia da Xunta e obtivo 15 deputados (2 deles -de Esquerda de Galicia- pasaron a formar parte do Grupo Mixto), sendo superado polo BNG (encabezado por X.M. Beiras).Nas tres eleccións celebradas no último ano (as xerais do 20 de Decembro e do 26 de Xuño mais as galegas do 25 de Setembro), o Partido Socialista foi superado pola Marea na cidade de Vigo. A conclusión é indiscutíbel:fora do ámbito municipal, a marca Abel Caballero carece de atractivo.Non serve para compensar o deterioro xeral do seu partido.

Se, finalmente, as pretensións do alcalde vigués toman corpo no interior do PSdG, Feijoo e o seu partido terán unha razón adicional para crer que a hora da súa derrota non se ve no horizonte.A menos que teñan a prudencia de lembrar aquelas palabras do marxista “grouchiano” Felipe González:tamén se pode morrer de éxito.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.