Novas lexislaturas – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaNOVAS  LEXISLATURAS

Xesús Veiga

A práctica coincidencia temporal entre os procesos de investidura de Rajoy e Feijoo permite constatar as semellanzas e diferenzas que se rexistraron entre ambos casos.A maioría absoluta acadada polo PPdG o 25-S condiciona totalmente calquera análise comparativa.As incertidumes que se poden enumerar no escenario galego (a continuidade de Leiceaga como voceiro parlamentar, o grao de consolidación da Marea como nova formación política, a consistencia dos cambios anunciados dende a dirección do BNG, a sucesión de Feijoo con vistas á futura cita electoral) posúen menos urxencia que as incógnitas presentes no panorama político estatal (capacidade do novo goberno para acadar apoios parlamentarios, resolución das graves fracturas existentes no PSOE, habilidade de Unidos Podemos e as confluencias para encabezar a oposición á dereita, a viabilidade futura de Cidadans como forza complementaria do PP, os impactos da dinámica política catalana na evolución da gobernabilidade estatal).

A oposición galega conseguiu salvar a primeira trampa que aparecía no seu complicado labor de enfrontar a sólida maioría absoluta de Feijoo.No canto de abrir unha disputa pola presenza na Mesa, nas comisións parlamentarias e a ubicación no hemiciclo, foron quen de acordar fórmulas satisfactorias que permitiron enviar unha primeira mensaxe de entendemento ao corpo electoral.Se houbera liortas, as coñecidas terminais mediáticas do partido hexemónico multiplicarían a importancia das mesmas para cociñar o menú desexado:xa que non se entenden nestas cuestións, cómo van ser capaces de construír unha alternativa conxunta ao repetido dominio do PPdG?A xenerosidade de En Marea resultou decisiva para viabilizar ese necesario consenso.

No seu discurso de investidura, Feijoo aludiu reiteradamente ao seu éxito nas urnas.Había dous destinatarios nesta teimuda alusión:a dirección estatal do PP e todos aqueles sectores que non votaron a súa candidatura nos comicios de Setembro.Para os primeiros, o presidente da Xunta quixo formular un aviso contundente:as súas credenciais para a sucesión de Rajoy veñen avaladas polo feito de encabezar a única maioría absoluta vixente nas CC.AA. do Estado.Para os segundos, a mensaxe situase noutra dimensión:pretendeu fomentar a sensación de que a hexemonía política do seu partido non ten data de caducidade e, xa que logo, carecen de sentido práctico as ilusións de cambio que podan habitar nos seguidores das forzas da oposición.

En Marea, PSdG e BNG teñen, sen dúbida, un reto moi complicado nesta lexislatura:acertar nas iniciativas políticas e sociais para gañar a confianza das persoas que fican distanciadas da vida institucional ou que apoiaron a Feijoo sen moita convicción, como un “mal menor”.Coma sempre, os éxitos propios e os fracasos do adversario determinarán o desenlace final desta lexislatura que agora comeza.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.