X.M. BEIRAS e C. NOGUEIRA – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaX.M. BEIRAS  E  C. NOGUEIRA

Xesús Veiga

Nun breve intervalo temporal, nas últimas semanas, coincidiron dous feitos moi destacados:a retirada definitiva de Xosé Manuel Beiras do Parlamento galego e a merecida homenaxe tributada a Camilo Nogueira pola súa intensa andaina pública.Aínda que non podamos falar do punto final da traxectoria política destes persoeiros, ambas circunstancias permiten facer algunhas consideracións sobre o seu papel na historia galega mais recente.

Beiras e Nogueira personifican, nunha boa medida, o novo nacionalismo galego que xorde na década dos anos 60 do pasado século.A partir do esmorecemento do Partido Galeguista, opera unha ruptura xeracional que incorpora o vello ideario a unha nova matriz caracterizada por unha notábel adhesión ao pensamento marxista.Como figuras destacadas do PSG e da UPG, participaron na forte aceleración política que se rexistrou nos anos inmediatamente posteriores á morte de Franco e viviron, en primeira liña, a combinación de tres factores relevantes que condicionaron o futuro do movemento nacionalista:un destacado medre das estruturas organizativas existentes; a multiplicación da resposta mobilizadora dos sectores mais conscientes do tecido social durante os anos 1976 e 1977; o pouco peso electoral acadado polas formacións nacionalistas nos primeiros comicios ás Cortes Xerais despois de non ser quen de concorrer dun xeito unitario a esa cita decisiva na configuración do novo mapa político.

Beiras e Nogueira formaron parte dunha xeración que apostaba por un novo réxime democrático que recoñecera a plenitude dos dereitos nacionais galegos.A morte de Franco xerou –neles e noutras persoas que participamos no combate contra a ditadura- a lóxica expectativa dunha mudanza substancial que fose pilotada polos referentes políticos construídos naquela “longa noite de pedra”.Catro décadas despois, temos que asumir a constatación de que a maioría da sociedade galega non outorgou a confianza suficiente a dirixentes como Xosé Manuel e Camilo, posibilitando que o autogoberno conseguido fose administrado por aqueles que non acreditaban na súa necesidade.

A pesar desta evidente inxustiza histórica, X.M. Beiras e C. Nogueira fixeron importantes aportacións ao patrimonio común do nacionalismo galego.As súas diferenzas na concepción e no tratamento de certas cuestións –a dinámica de construción da actual Unión Europea e/ou a formulación organizativa mais acaída para a ferramenta política nacionalista- non agacharon a evidencia dun poderoso denominador compartido ao longo do seu percorrido vital:a teimosía do seu compromiso militante e a capacidade para innovar, para recrear diversos aspectos do ideario e da práctica do nacionalismo político moderno.Sen esas contribucións singulares, non se podería entender o desenvolvemento do movemento nacionalista nas últimas décadas.

Xa que a historia non foi agradecida con Beiras e Nogueira, as persoas que compartimos unha parte do seu camiño temos unha débeda de recoñecemento co seu labor que non debería prescribir.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.