A desconxelación da comisión sobre as Caixas – Xesús Veiga

1f31c-xesusveigaA  DESCONXELACIÓN  DA  COMISIÓN  SOBRE  AS  CAIXAS

Xesús Veiga

Unha das primeira medidas adoptadas no inicio da nova lexislatura do Parlamento galego é a creación dunha Comisión parlamentaria sobre as Caixas galegas.En realidade, estamos ante a “desconxelación” da que xa funcionara durante a lexislatura anterior.O PPdG decidiu activala despois de ter paralizado arbitrariamente a súa actividade.

Recuperar o tempo perdido resulta viábel no ámbito dos trámites administrativos que se xestionan na Cámara do Hórreo mais non ten transcendencia operativa no plano político.Agora non estamos na mesma situación que hai tres anos:o banco resultante da fusión de Caixagalicia e Caixanova foi vendido polo FROB a un grupo venezolano e algúns directivos daquelas entidades xa foron xulgados e sentenciados.O Parlamento chega tarde porque o grupo maioritario non quixo dotalo de toda a capacidade que posúe como expresión da sociedade galega.O sucedido coas Caixas tivo tal relevancia pública que merecía un tratamento intenso dende os tres poderes que configuran o sistema democrático.Os executivos –estatal e galego- tiveron un protagonismo indiscutíbel –por activa ou por pasiva- no desenvolvemento do proceso.Os órganos xudiciais actuaron no momento procesual adecuado, por mais que os seus veredictos fosen manifestamente benevolentes cos encausados. En troques, o poder lexislativo –alentado pola maioría absoluta do PP- dimitiu da súa responsabilidade:promoveu unha investigación con importantes limitacións á hora de contar con toda a información requirida polo caso e aprazou o debate das conclusións para non interferir na dinámica imposta pola Administración central (venta rápida de Novagaliciabanco).Resultado:neste momento, hai unha verdade xudicial –incompleta e superficial- e un relato mediático e/ou académico sobre o acontecido coas Caixas galegas na última década.Non existe, poren, unha diagnose parlamentaria derivada dun amplo consenso entre a representación da cidadanía.

Feijoo sabe que entre 2009 e 2016, baixo o seu mandato, deixaron de existir unhas entidades financeiras de natureza social tuteladas pola Xunta e decisivas para explicar as luces e as sombras da traxectoria seguida pola economía galega nos últimos anos.Tamén coñece que, nese mesmo período, o único banco privado de capital galego foi absorbido por outra empresa financeira estatal.Esa dupla circunstancia explica, seguramente, a desidia da maioría parlamentaria no tratamento do “affaire” das Caixas.Nalgúns momentos, os voceiros do PPdG quixeron botarlle as culpas da desfeita ao bipartito nacido no 2005.A pretensión non se compadece cunha análise histórica minimamente rigorosa.Nos 35 anos de vixencia das institucións de autogoberno, só houbo dous períodos –de 2 e 4 anos, respectivamente- nos que o PP non exerceu labores de goberno.Semellante continuidade outórgalle, obviamente, a principal responsabilidade na xestación das graves eivas que conduciron –xunto con outros factores- á desaparición das Caixas da paisaxe económica e social do noso País.

Se a nova maioría absoluta do PPdG desexa arquivar, de calquera maneira, o “expediente caixeiro” o Parlamento galego perderá credibilidade como institución democrática.Vencerán na votación aritmética pero non convencerán a quen desexa unha depuración das responsabilidades políticas inseridas neste grave asunto.

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en AUTORES, Xesús Veiga Buxán. Guarda el enlace permanente.