Gobernarmos as estradas

2681b-xoc3a1nantc3b3npc3a9rez-lema

Xoán Antón Pérez-Lema

Hai dùas competencias que son fulcrais no artellamento do autogoberno galego, porque resolverían moitos problemas e mellorarían o noso benestar: a competencia sobre a AP-9 (a autoestrada do Atlántico) e máis a xestión do tránsito nas nosas vías interurbanas, hoxe nas máns da DGT estatal.

A Garda Civil de Tráfico impón 147 multas por 1.000 habitantes no noso país, mentres que a media nos outros 13 territorios que xestiona (todos menos Navarra, Euskadi e Catalunya, nos que teñen transferidas as competencias e nos que actúa cadansúa policía autonómica) é de 85. É dicir, poñen 170.000 multas máis. Un lote de cartos que perdemos os galegos. Porque Galicia ten unha poboación espallada que precisa moito máis do transporte privado, tendo en conta a nosa carencia de servizos ferroviarios de proximidade.

No 2008 o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) foi quén de artellar unha coalición nacional unánime co PP e PSOE no Parlamento de Galicia para acadar a transferencia das competencias de tránsito. En setembro do 2010 a pulsión unionista de Pepe Blanco, consentida polo ZP e pola abstención do PP, rexeitaba no Congreso de Madrid a proposición galega, coa indigna abstención do PP. Pedro Puy (PPdeG) e Xaquín F. Leiceaga (PSOE) non podían aturar a vergoña.

Precisamos dun sistema de regulación do tránsito que mire cara a nosa seguranza vial e non á recadación da DXT e do Goberno do Estado. E, tamén, dunha xestión galega da AP-9, orientada a liberalizar a peaxe na vía máis importante da nosa nación. Para máis, o normal sería, ao tempo, transferirmos a xestión do mantemento das estradas estatais. Cómpre transferir á Xunta, por nidias razons de economía e operatividade, todos os kms de estradas, que absurdamente aínda fican na xestión dun lonxano, incompetente e inoperante Ministerio de Fomento.

Velaí a necesidade desta transferencia. E para xestionármola contamos coa mellor policía territorial de Tránsito, os gardas civis, pero a estrutura xerárquica e militar da Garda Civil faina impracticábel para esta función. Porén, as bases legais do Estatuto e da Lei de Policia galega fan posíbel a xestión galega das estradas.

Claro é que esta legalidade sería unha realidade se o presidente Feijóo e o vice Rueda actuaran na defensa dos intereses galegos e non desenvolveran a meritoriaxe unionista que desenvolven día a día.

Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.