O NOSO DERBY.-Xoán Antón Pérez-Lema (*)

Compre recoñecermos o mérito cando sabemos facer as cousas ben. Neste senso, o clima de amizade e concordia acadado nos nosos derbies fala ben do civismo e do patriotismo de ambas as dúas afeccións. Nestes últimos anos, facendo parte dunha grande remuda xeracional, aquela violencia, aquela intolerancia ficou atrás.

Os vellos localismos foran potenciados aposta para evitar a unidade entre galegos. Así foi no franquismo e así fixeron na transición caducos españolistas como Leri ou Paco Vázquez. A reivindicación dunha Coruña ou dun Vigo paifocos e illados do resto de Galicia percuraba, en realidade,  neutralizar o desenvolvemento da nosa conciencia como País.

 Velaí como a non  doada institucionalización da previa cantando xuntos o Himno Nacional, ou  o costume sán de irmos xuntos de troula deportivistas e celtistas visibilizan que son moitas máis cousas as que nos unen. E que só nos separa nada máis-e nada menos- que distinto amor futbolístico. O que non impide querermos e respectarmos antes, durante e despois do partido. A aperta entre Anxo e Roque no anuncio Imposible sen ti fai máis pola idea de País ca media ducia de mitins galeguistas dirixidos aos de sempre.

No deportivo, o derby debeu rematar en empate. Mais o Celta aproveitou a única oportunidade mentres o Dépor perdeu a única súa. Iago Aspas decidiu e o de Moaña voltou amosar que lle falta en deportividade  o que ten a moreas en calidade futbolística. Nesta caste de derbies as provocacións están de máis.

Galicia semella ter integrado xa a rivalidade futbolística no seu ADN, vivindo en galeguidade e amizade o que até hai poucos anos eran eventos de división e enfrontamento.

A arrincadeira.- Novo referéndum de independencia en Escocia.

Escocia pronunciouse en xuño pasado nidiamente contra o Brexit (62 vs 38%). Europa é para a maioría dos escoceses unha aposta de integración e desenvolvemento, coñecedores de que a conservadora Inglaterra prioriza a desregulación laboral ou ambiental fronte ao fondo sentido comunitarista dos caledonios.

A first minister nacionalista, Nicola Stugeon, ven de anunciar un novo referéndum de independencia cara fins do 2018 ou primeiros do 2019, intrepretando a xeito o fondo malestar dos seus compatriotas a respecto do Brexit.

(*) Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.