O arquivo provisorio da investigación xudicial aberta a Xosé Manuel Baltar por presuntos comportamentos delitivos (abuso sexual e suborno) abre, mais unha vez, a polémica a respecto das responsabilidades xudiciais e políticas dos representantes públicos.O presidente da Deputación de Ourense fica, polo momento, eximido de calquera imputación penal mais non pode agachar a evidencia dunhas conversas -a propia xuiza instrutora non cuestiona a verosimilitude das mesmas- que non son compatíbeis coa conduta ética que debería ser esixida a unha autoridade desa categoría institucional.
A interpretación realizada pola xuíza resulta determinante da secuencia dos acontecementos que teñen lugar no escenario político.Se os indicios de delito fosen considerados suficientes pola maxistrada, Baltar pedría a baixa no PP aínda que seguiría no seu cargo presidencial.Coma non foi así, todo segue igual e Feijoo aproveita para esixir que a oposición pida desculpas por ter pedido a dimisión do dirixente ourensán.Velaquí o círculo perverso no que nos atopamos:as responsabilidades políticas só poden existir se, previamente, hai un procesamento xudicial ou unha condea dos tribunais.A distinción que se invoca en moitas ocasións é ben coñecida:a mentira é un dereito que asiste a un presunto delincuente como ferramenta defensiva mais non debería ser admitida como normal na vida política.
Recentemente, o PSOE presentou unhas mocións de reprobación do ministro de Xustiza, do fiscal xeral do Estado e do fiscal anti-corrupción.Estas iniciativas saíron aprobadas por unha ampla marxe númerica debido aos apoios recibidos nas bancadas da oposición parlamentar.Certamente, a importancia política do sucedido non pode ser minusvalorada: é a primeira vez que o Congreso censura a un ministro e a dous fiscais de semellante relevancia.
Amparandose na circunstancia xurídica do carácter non vinculante das resolucións aprobadas, os afectados manifestaron a súa decisión de non cumprir a vontade maioritaria emanada do Congreso grazas ao aval que supuxo a explícita declaración de Rajoy favorábel á continuidade dos mesmos.Atopamonos, pois, ante unha situación gravísima:o poder executivo non quere respectar a decisión tomada pola Cámara que representa a soberanía popular nun momento no que se acumulan diversos episodios que cuestionan o adecuado funcionamento do propio sistema democrático.
Hai poucos días Mariano Rajoy emprazaba ao presidente da Generalitat para que levara ao Congreso dos Deputados as súas propostas sobre a situación de Catalunya.Ao mesmo tempo, avisaba que non vai participar no debate da moción de censura presentada por “Unidos Podemos”, “En Comú Podem” e “En Marea”.
Esta colección de exemplos permite calibrar a calidade da arquitectura democrática realmente existente no Estado español.A folla de ruta do PP non ten matices:o Parlamento só ten valor cando hai unha maioría que emite na súa mesma lonxitude de onda.As dimisións só están reservadas para quen tivo a mala sorte de caír nas mans do poder xudicial.
(*) Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC