NA METADE DA LEXISLATURA.-Xesús Veiga (*)

Estamos atravesando o ecuador da lexislatura municipal.O tempo transcorrido dende aquela primavera de 2015 resulta suficiente para fundamentar algúns diagnósticos pero non permite elaborar previsións concretas a respeito do mapa que nos agarda nos concellos mais poboados do País cando cheguemos ao mes de Maio do ano 2019.

Os balances que elaboran as formacións políticas están moi condicionados polo lugar que ocupan no escenario (goberno ou oposición) e polos obxectivos que teñen tracexados para os dous vindeiros anos.Non cabe agardar, pois, relevantes reflexións autocríticas sobre o labor realizado nin recoñecementos das fortalezas exhibidas polas forzas adversarias.Tampouco podemos atopar un contrastado rigor analítico en moitos medios, atrapados nunha dinámica partidista tan evidente como impresentábel.

Cómo saber, daquela, o estado de opinión das persoas que elixiron, cos seus votos ou coa súa abstención, os gobernos municipais xurdidos hai agora vintecatro meses? No caso galego só temos unha aproximación referida ás sete cidades mais poboadas:tratase do inquérito realizado pola empresa Sondaxe.Aceitando as deficiencias cometidas nos traballos semellantes publicados nos últimos anos e os efeitos perversos derivados da pertenza desta entidade ao principal grupo mediático residenciado na Galiza, é necesario recoñecer que non existen, polo momento, fontes alternativas na prospección demoscópica cinguida específicamente ao ámbito municipal galego.

O devandito traballo de “Sondaxe” manten, sen cambios significativos, o actual mapa político das sete cidades.Mais concretamente:certifica que o lóxico -e case inevitábel- desgaste asociado ao exercico de gobernar non provoca medres substantivos nas expectativas das forzas que practican o labor de oposición.Semellante conclusión resulta especialmente chamativa nos casos de Compostela, A Coruña e Ferrol pola concorrencia de tres circunstancias relevantes:a presenza de tres alcaldes que encabezan opcións políticas sen experiencia previa de goberno e carentes dunha maioría estábel asegurada; a existencia dunha oposición diversificada (PP, PSdG e BNG) que combina actuacións coincidentes cunha explícita incapacidade para conformar unha maioría alternativa e, por último, a constatación dunha belixerancia mediática que supera, en varias ocasións, a que se practica dende os escanos institucionais.Neste sentido, os resultados do inquérito constitúen, polo momento, un indiscutíbel fracaso para o partido de Feijoo e unha notábel desautorización de certas liñas editoriais e dalgúns creadores de opinión.A pretensión de recuperar as alcaldías perdidas -formulada reiteradamente polo presidente da Xunta- semella, hoxe, unha tarefa moi complicada.Buscar desesperadamente a presentación de mocións de censura -velaí o exemplo recente de Sanxenxo- da conta do estado de ansiedade que se vive no cumio dirixente dos populares galegos.

A principal fortaleza das tres alcaldías citadas radica na inexistencia de sombras sobre a limpeza da súa xestión e na instauración dun novo clima de transparencia fronte a un pasado recente protagonizado polos numerosos episodios de corrupción.As debilidades mais notorias ubícanse nos déficits de xestión vinculados á inexperiencia e nas dificultades para superar os desencontros con PSdG e BNG.Para estas organizacións, a enquisa de “Sondaxe” -agas nos casos de Vigo e Pontevedra- coloca un grande interrogante sobre as vantaxes de compartir oposición cunha forza -o

PP- que pode ser a principal beneficiaria dun eventual afundimento das Mareas.

Como xa sucedeu no pasado, as experiencias de goberno nos concellos teñen trascendencia no ámbito nacional.Non é verosímil a construción dunha alternativa críbel para dirixir a Xunta se non hai unha masa crítica de capital acumulado na vida municipal.Sen esa condición necesaria non serán suficientes outras circunstancias ambientais (a corrupción, por exemplo) para acadar o relevo en San Caetano.

(*) Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.