O REFERÉNDUM CATALÁN É CONSTITUCIONAL..-Xoán Antón Pérez-Lema (*)

A Comisión de Venecia, organismo do Consello de Europa que asesora nos procesos constitucionais ao devandito organismo supraestatal e aos seus Estados membros, respostou ao pedimento de mediación do president Puigdemont verbo do eventual referéndum catalán que só podería actuar no marco constitucional español. É dicir, que só será recoñecido polo Consello de Europa aquel referéndum catalán que sexa compatíbel coa legalidade constitucional do Estado español

O unionismo español interpretou desaqueladamente esta resposta como unha censura ao procès de autodeterminación catalán, cando é xustamente o oposto. O que quere dicir o alto organismo europeo é que Catalunya pode decidir, mais dacordo cos procedementos constitucionais españois.Cos procedementos, non cos contidos substanciais. A Comisión de Venecia afirma en realidade o dereito a decidir catalán, mais ao abeiro das regras constitucionais españois.

Pois logo… é constitucional un referéndum consultivo catalán? Dacordo co artigo 92 da Constitución e co artigo 5 da Lei Orgánica 2/1980, que desenvolve este artigo da Carta Magna, parte da cidadanía (a única condición é que o ámbito sexa a provincia; poden votar só as catro provincias catalás) pode emitir o seu voto a respecto dunha pregunta enunciada pola Autoridade competente. Autoridade que é o Goberno do Estado, mais que ben pode delegar o exercicio da súa competencia na Generalitat de Catalunya, consonte co artigo 150.2 da mesma Constitución. Logo si é posíbel un referéndum catalán sobre o seu futuro político, malia que teoricamente non sexa vencellante en termos xurídico-políticos.

Mais, como di o constitucionalista Torres del Moral, cando o pobo fala non opina, senón que decide. A virtualidade do referéndum catalán pode valer para pechar de vez o proceso independentista ou, pola contra, para abrir un proceso de reforma constitucional que recoñeza a ditame cidadá e execute a vontade do pobo de Catalunya.

Rajoy, pois, non ten excusa. Pode (claro que si) autorizar un referéndum para coñecer o que quere Catalunya. Unha consulta que desexan entre o 70 e o 77% dos seus cidadáns, segundo moi diversas enquisas dos últimos tres anos. O que non pode é teimar en que a Lei non lle deixa xogo. Porque o certo é que a Lei está para a xente e non a xente para a Lei.

(*) Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.