ESCOCIA SEGUE A VOTAR NACIONALISTA.-Xoán Antón Pérez-Lema (*)

Moitos comentarios xurdidos en Londres e Madrid afirman o fracaso case catastrófico dos nacionalistas escoceses do Scottish National Party (SNP) nas eleccións británicas últimas.

O Reino Unido elixe en circunscricións uninominais (o que gañe por un voto leva o escano) 650 deputados, dos que Escocia achega 59. Nas eleccións do 2015 o SNP obtivo 56 sobre 59, cun 50% de votos, mentres que agora obtivo só 35 (60% dos escanos escoceses), cun 37% de votos. Se a isto lle engadimos que Angus Robertson, vicelíder do partido e Alec Salmond, anterior first minister perderon cadanseus escanos fronte a conservadores escoceses, indubidábelmente a perda relativa foi importante e xustifica a chamada á análise demorada e ao control de danos da líder nacionalista e first minister Nicola Stugeon .

Mais os resultados do 2015 foron absolutamente excepcionais.O propio xornal nacionalista “The National” recoñeceu que mesmo eran freakies. Nas anteriores estatais de 2010 o SNP quitara só 6 escanos. O que ocorreu nas eleccións xerais do 2015 foi que o SNP nucleou todo o voto afirmativo do referèndum do 2014 e unha fracción do negativo, recollendo o  anoxo da maioría da cidadanía coas promesas incumpridas dos tres partidos dun incremento substancial da autonomía se a cidadanía votaba NO. Xa que logo, foi o propio electorado laborista, conservador ou lib dem quen non acodiu votar ou prestou o seu apoio ao SNP, diante do desprestixio xeral en Escocia das opcións unionistas.

Nestes dous anos o Partido Conservador Escocés, liderado por Ruth Davidson, muller contraria ao Brexit, de orixe obreira e que confesa abertamente a súa homosexualidade, soubo darlle canle á expresión política de sectores sociais que temen máis a independencia ca o Brexit até acadar o 28% dos votos o xoves pasado. Por outra banda, a progresión de Corbyn mobilizou parte do voto de centro-esquerda escocés a prol dos laboristas, nunhas eleccións en clave bipartidista no que o que se xogaba nos últimos días era se ía gobernar Theresa May ou Jeremy Corbyn.

Xa que logo,  o resultado acadado polo SNP na Escocia non foi ningunha catástrofe, senón a clara concreción de que, mesmo nunhas eleccións en clave estatal e bipartidista, a maioría relativa dos votantes escoceses segue a votar escocés.

(*) Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.