O conflito nacional que se está vivindo en Catalunya presenta características singulares en cada un dos tres escenarios nos que desenvolve e/ou proxecta a súa traxectoria: o propio ámbito catalán, o espazo político e social español e o contexto internacional (especialmente o conformado pola Unión Europea).
O centro de gravidade reside, obviamente, na sociedade catalá e nas súas institucións representativas: é aí onde operan, dende hai tempo, as dinámicas principais que condicionan os acontecementos que se rexistran nas últimas semanas. No conxunto do Estado tamén se xogan bazas moi importantes deste contencioso: as accións ou omisións dos actores políticos e mediáticos exercen, sen dúbida, unha influencia significativa no seo do corpo social catalán. E por último, pero non o menos importante, o estado de opinión que se vaia forxando nas sociedades europeas pode resultar decisivo no desenlace deste grave problema.
A estratexia aplicada desde hai meses polo PP (tratamento exclusivamente xudicial e carencia de ofertas políticas) está a incrementar os niveis de polarización e afastando as posibilidades de atopar puntos de encontro. Talvez, os dirixentes independentistas están a buscar que a lóxica represiva impulsada dende diversas institucións estatais provoque un nivel de complicidade social que lles beneficie notabelmente no momento no que se materialice unha nova cita coas urnas. Quizais, Mariano Rajoy e Albert Rivera pensan que un maior nivel de coerción e confrontación xerará importantes réditos eleitorais fora do territorio catalán. Se estas suposicións alcanzasen verosimilitude práctica nas próximas xornadas, estariamos ante o triunfo do “canto peor, mellor” con todo o que iso significa.
A permanencia dun foco de inestabilidade política no ámbito do Estado español non pode resultar aceitábel para as elites dirixentes da UE. É verdade que hai outros asuntos relevantes que ocupan e preocupan a Merkel, Juncker ou Macron. Pero é realista pensar na hipótese dunha presión -discreta pero firme- en favor de que se abra, ao sul dos Pirineos, un proceso de diálogo e negociación que poida finalizar cun acordo que proporcione a normalidade política que hoxe brilla pola súa ausencia. É ben sabido que nas relacións internacionais priman os intereses sobre consideracións de afinidade ideolóxica ou partidista. A férrea negativa que exhibe Mariano Rajoy ante calquera hipótese de transacción política cos actuais gobernantes da Generalitat non aguantaría unhas chamadas análogas ás que recibiu José Luis Rodríguez Zapatero naquel mes de Maio de 2010 e que motivaron unha reforma express da “intocábel” Constitución española. Nos próximos meses, deberemos prestar atención á evolución da cotización do conflito catalán no mercado político europeo. Porque, neste caso, a distancia non propicia o esquecemento.
(*) Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC