Sentado nunha escaleira calquera dun anónimo edificio, sostiñas nas túas flácidas mans a túa atordada cabeza de camello golpeado. Percorren insípidas bágoas a esmorecida pel da túa estragada faciana. Apoias a túa fronte nos teus xeonllos para afogar o pranto da túa atormentada ialma, alugada nun inhóspito corpo.
Reviven no teu atormentado cerebro, desconcertado, pola liorta ameazadora de morte, pois perderas a ‘manteca’, consumiras o ‘caballo’. ¡Pobre ‘camello’ desvalido!
— Estabas ‘colocao’?
A túa voz era imperceptible, as túas mans trementes, o teu corpo eslombado agochaba o teu anónimo rostro no medio do máis abafante pesar. Estabas a recoñecer o afundimento e a caída no máis profundo dos abismos. Só os teus saloucos rachaban o silenzo da noite e resoaba o eco na erma praza. Non atopabas piedade ás túas verbas suplicando o perdón. So coiteladas despiedadas como feroces lanzas que furaban o teu corpo para chegar á túa ialma ferindoa de morte. Sentías con horror lastimero no que convertíches a túa existencia que puido ser florida, mais ti coroache de espiñas e asolagache no lixo.
O perdón que barballabas ao teu opresor na desértica rúa, testimuña silenciosa da túa ruina, eran atronadoras ameazas que xeaban o sangue das túas avultadas e escachizadas veas. Era ese perdón o presaxio dunha morte anunciada. O verdugo fíxose dono da túa vontade e os teus vehementes desexos de liberdade dobregaron diante da súa arrogancia, xa que en busca daquela liberdade perdícheo todo. ¡Todo! Ata a mesma dignidade, virtude que todo ente bennacido non debe perder.
A omnipotente astucia do ‘trapicha’ fíxose coa túa amorfa vontade, coa túa feble personalidade, coa túa inestabilidade emocional, coa túa estúpida ignorancia… Coidando que a felicidade era iso: inhalar os problemas, quentalos e volatilizalos polo teu corpo. Como voabas! Claro que voabas cara a sima máis profunda e, nos teus voos, a túa mísera existencia non tiña ningún valor. Trabucáraste e só eras unha escoria ‘enganchada’, un desfeito inservible nin apto para a reciclaxe. A espada de Damocles apuntaba ó teu damnificado estado afogando o pranto e apurando o derradeiro trago.
Na túa obnubilación tarde comprendiche a túa absurda conclusión daquela manida premisa:
— Déixoo cando quero.
Nunca quixeches. Ou pode que si quixeras, pero non puideches por atoparte nun lugar trabucado nun momento pouco adecuado.
Endexamáis tivéches a firme vontade de resolver os problemas. Empezache sendo un ‘mandanguero’ dende o mesmo momento que a túa amaurosis abriu a boca ó ‘polen’, ó ‘chocolate’, ó ‘cannabis’, á ‘maría’, á ‘coca’, á ‘heroína’… Cada peldaño no crack do consumo era un descenso na escaleira de valores, na escala da evolución, e ti sempre estabas a dicir a mesma parvada:
— Déixoo cando quero.
Camiñabas con pasos seguros polo túnel que remata no cemiterio e escoitabas o resoar das pás botando terra sobor da cobertoira do teu cadaleito.
Incorporáchete de súpeto e botáche as túas mans ás tempas. Inda estabas a vivir e a percibir o bombeo do teu sangue polas veas.
Un mal pesadelo!
Un mal presaxio!
Na máis sinistra escuridade atopábas a derradeira escaleira.
— Vouche esmagar a cabeza…
O chanzo onde se derrumbou o teu canso e desconxuntado corpo baixo o peso que supoñen as ameazas e aterrorizado de ti mesmo, coñecías con exactitude o alcance disas verbas e o que significaba cada unha delas.
No momento axeitado dirixiríate a un alfoz da cidade, eses lugares urbanizables cos bordos das beirarrúas perfectamente rematados e cortantes. Ordenaríache poñerte de xeonllos, obrigaríache abrir a boca e colocala sobor da afiada arista.
Antes de facelo pregarías indulxencia.
Non a terías.
Situaríase ás túas costas e, cun atinado golpe do seu pé na túa caluga, o teu cerebro desintegraríase entrementres os teus miolos esparexeríanse sobor do xeado cemento.
— ¡Irrecoñecible!
No teu aloulado pensamento xurdiu a imaxen de Marta, aquela muller que dalgún xeito, quizais, amaras pero que arrastrache a unha vida chea de penurias afundíndoa no abismo. Ela pagou coa súa inocencia algunhas das túas débedas e despois de, sabe Deus cantas aldraxes, cantas vexacións, cantos agravios… atopárona núa e sen vida nunha praia calquera, devolta no monótono vaivén das ondas do mar que arrouparon por derradeira vez a súa inocencia aldraxada e mecíana na infinita paz que da a morte ao inocente cautivo.
Endexamáis puideche botar da túa mente aquela desoladora imaxe nin tampouco o sórdido murmurio das augas facendo de acompañamento musical das ondadas debuxando na area o anagrama da morte, ese ronsel acuífero que “impronta” coa chama do lume, na túa atormentada conciencia, a tatuaxe da culpabilidade.
Arestora, máis pousado e acougado, colocas paseniñamente o material no chan. Xa tomáras a decisión e a morte deuse por avisada. Con estudada firmeza, adheriches ao teu brazo esquerdo a banda elástica. Coma un ritual, agardache que a vena se enchera. A túa man non tremeu no momento de introducir a agulla ata uns poucos milímitros, tirando do émbolo ata que unha pinga de sangue asomou, logo apurache o bombeo ata o completo vaciado da xeringa. O líquido abrasaba as túas veas, o corazón latexaba con celeridade, tinguíronseche os ollos de morte, a túa visión desdibuxaba o contorno trocando os obxetos en pantasmagóricos seres naquel xélido portal. Unha contracción violenta e involuntaria percorreu os teus músculos. Segundos despois a vida volatilizábase no infinito.
Xa os teus oídos non percibiron o barullo dos curiosos que asomaban para comprobar o que estaba a suceder. Nin tampouco escoitache as sinais acústicas da ambulancia rompendo o silenzo da noite.
O túnel no que estabas a ser soterrado tapiou a saída e as derradeiras verbas que atronaron o teu cerebro foi aquela amenazadora sentenza…
— Vouche fender a cabeza…
… e a derradeira imaxe que retivo a retina dos teus mortecinos ollos foi aquel anónimo portal, xélido e mísero leito para obitar, calquera que fose o mortal, aquel banzo onde arestora repousaba o teu flácido corpo e no teu brazo, inda pendurada, mantiñase a xeringa, namentres a inexorable gadaña segaba o tenue fío que remataba co teu derradiro aleto.
Atravesabas a fronteira sen retorno para durmir o soño dos esquecidos.
* Dalia Koira Cornide es Licenciada en Pedagogía