PRESOS POLÍTICOS EN FOLGA DE FAME.-Xoán Antón Pérez-Lema*

Os deputados cataláns de Junts per Catalunya, Jordi Sánchez (antigo presidente da Assemblea Nacional de Catalunya-ANC-) e Jordi Turull (conseller de Presidencia con Puigemont) veñen de decidir unha folga de fame para denunciar, ao xeito da tradición da non violencia do Mahatma Gandhi e do alcalde de Cork, Terence Mc Swiney, a parálise dos seus recursos de amparo fronte ás interlocutorias do Tribunal Supremo que acordaron a súa desaquelada prisión preventiva.

A importancia destes recursos de amparo, interpostos algún deles hai maís dun ano, é que mentres non sexan rexeitados os presos políticos non poden acodir á vía do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). Nun 98 ou 99% dos casos os recursos de amparo son inadmitidos por falla de interese constitucional. Éstes foron admitidos e avocados ao coñecemento do Pleno. Mais non é xustificábel o atraso na resolución, só entendíbel no contexto de atrasar tamén o acceso á xurisdición europea de dereitos humanos.

Pedro Sánchez prometeu un xuizo xusto, mais despois das eleccións andaluzas do domingo e da enxurradadereitista que botou fóra Susana Díaz do Goberno meridional, a tensión que xerará este xuizo entre unha España do centro e do sur botada ao monte do españolismo máis irredento e un 80% de cataláns solidarios cos presos políticos vaille impedir calquera paso cara unha solución política do problema.

O que si amosará esta folga de fame son as limitacións democráticas deste xuizo diante da Europa e o mundo todo. Mais o 16,2% de votos de Vox na Andalucía fai agromar un euroescepticismo trumpiano que tamèn se alimenta do rexeitamento ás decisións xudiciais europeas. A dereita radical tripolar tenderá a se desvencellar da Unión Europea.

A ARRINCADEIRA. AS DEREITAS, HEXEMÓNICAS EN ANDALUCÍA.

Foi Vox quen permitiu, con máis do 16,1% dos votos, o trunfo do bloque de dereitas na Andalucía (59/109, con máis do 55% dos votos), ao sumar a súa porcentaxe co 20,2% do PP e o 18,3% de Cs. O PSOE, que segue a ser o máis votado (28,7%), foi prexudicado pola elevada abstención, que tampouco beneficiou a esquerda andaluza de Adelante Andalucía (17%). As dúas forzas de esquerda  perden 17 deputados.

Vox quita votos non só do PP e de Cs, senón tamèn da abstención e quizais de Podemos. A súa irrupción agoira tempos de xiro á dereita. PP e PSOE haberían aprender que a cidadanía escolle antes o orixinal ca a copia.

*Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.