O CONSENSO CONSTITUCIONAL XA NON EXISTE.-Xesús Veiga*

A conmemoración dos 40 anos de vixencia da Constitución española foi unha referencia abondosamente citada nas crónicas do ano que ven de rematar.A cifra -case coincidente coa duración da ditadura xurdida do golpe de Estado de Franco- era propicia para facer análises do sucedido nestas décadas e conxeturar sobre hipotéticos horizontes de futuro.

Facendo un percorrido moi sintético do escrito e falado nos últimos meses, cabe constatar unha singular asimetría:o número e intensidade das loubanzas pronunciadas sobre o texto constitucional non gardou relación coa evidente perda de consenso rexistrado entre as forzas políticas que fixeron posíbel a súa existencia.

Repasemos os dados.Daqueles partidos que suscreberon o pacto de 1978 (UCD, PSOE, PCE, AP e a Convergencia Democrática dirixida por Jordi Pujol) só o actual PP (que recolleu boa parte dos restos da UCD) e o Partido Socialista reafirman a fidelidade orixinaria.Os sucesores dos outros dous asinantes (IU e PDCAT) defenden hoxe posicións que non encaixan na arquitectura deseñada para o posfranquismo.O caso do PNV é singular:mantén as reservas críticas formuladas hai catro décadas mais non postula un rexeitamento global daquel cadro institucional.

Ademais destas mudanzas, concorren outras circunstancias significativas que incrementan a devaluación do pacto constitucional.O PSOE de Pedro Sánchez afirma con certa reiteración a súa vontade de promover a reforma da “lei de leis” por mais que non delimite con precisión o alcance dos cambios desexados.E o PP está pasando da negativa teimuda de Rajoy a calquera revisión da letra da “Carta Magna” -a pesar de que, no seu día, Fraga anunciara a súa disposición a modificar o título VIII porque lle resultaba excesivamente autonomista- ao verbalismo anticonstitucional de Casado (a reiterada petición da aplicación contundente e ilimitada no tempo do artigo 155 supón a eliminación do autogoberno de Catalunya e unha suspensión práctica do Estado das autonomías).Para mais inri, Aznar, Casado e Rivera estanse especializando en repartir carnets de constitucionalismo nos que xa non inclúen aos “traidores” socialistas que elexiron a Sánchez como segredario xeral.

Os novos partidos xurdidos a partir de 2014 carecen dos compromisos fundacionais da hexemonía administrada polo binomio PSOE-PP nas últimas décadas e realizan propostas de cambio de diferente dimensión e cunha orientación diverxente.A conclusión resulta evidente:no universo da elite política a Constitución deixou de ter a capacidade de consenso que exhibiu durante a meirande parte da súa vida.E qué sucede no corpo social? Nese caso, os resultados non son tan nidios porque operan factores xeracionais e territoriais moi relevantes.

Atopamonos, pois, ante unha situación que non ten unha saída practicabel a curto prazo.O edificio constitucional precisaría arranxos estruturais para enfrontar os importantes problemas presentes na vida política (Catalunya e a configuración territorial; as fendas entre o poder xudicial e os outros poderes do Estado; a insuficiente calidade democrática na elección e funcionamento das institucións representativas…) mais non existe o nivel de acordo requirido para semellante tarefa.A dificuldade é aínda maior se nos fixamos nas porcentaxes establecidas no texto constitucional para viabilizar a súa modificación.Certamente, os “pais” da criatura fixeron un traxe tan ríxido que agora non admite tratamentos flexíbeis.Algúns, hai 40 anos, dixemos que a Constitución non era un ponto de partida senón un ponto de chegada.Magoa que acertaramos nese prognóstico.

(*) Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC .

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.