DEMOCRACIA FRONTE AO SUPREMACISMO.-Xoán Antón Pérez-Lema*

Vai facer agora dez anos dunha manifestación na Quintana compostelá deseñada dende o nacionalismo español contra da nosa lingua, cultura e identidade. Unha manifestación baseada na  mentira de que o Goberno galego  de coalición BNG-PSOE quería impór o galego, cando simplesmente determinaba un mínimo do 50% de uso da nosa lingua a medio dun Decreto que de primeiras aprobou o PPdeG. Un PPdeG que despois refugou del para sumar moi poucos milleiros de votos que, porén, foron esenciais para acadaren os definitivos deputados nas circunscricións d´A Coruña e Pontevedra nas eleccións nacionais do 01.03.2009.

Rechamante foi a participación nesa manifestación da antecedente directa do nacionalismo extremista español de Vox e Cs (Rosa Díez, líder da UPD). Unha Rosa Díez que moi axiña faría desprezo da nacionalidade galega por mor da nosa capacidade para non nos definir, sen advertir que as persoas galegas non xogamos ás definicións cando non nos interesa o marco conceptual que se nos quere impór coas mesmas.

A organización daquela protesta, que dícía ser bilingüe, hoxe esixe falarmos español, na liña daquel franquista  “Hable bien. Sea patriota” dos anos 50 do século pasado. E, logo de dez anos, algún dos líderes dese nacionalismo español (Ortega Smith polos extremistas, Toni Cantó polos falsos liberais) minten conscientemente denunciando a falsísima discriminación, cando non risco de persecución do castelán na Galicia.

Estes ataques á nosa lingua, cultura e identidade non son ningunha brincadeira. Fronte ao carácter cívico e de afirmación do galeguismo o nacionalismo español é ofensivo e supremacista e baséase no a por ellos e no lo toma o lo toma”. Canda este extremismo político vogan os empresarios españois interesados na recentralización económica, para obter  da nosa economía o rédito que lle habería de cumprir ás empresas galegas e voga ese freakismo cosmopailanista, moi minoritario, máis con voceiros abondo, presente nas nosas cidades e vilas.

 Fronte este supremacismo habemos opór as cualidades da democracia: a inclusión e cohesión social que só se dan nas sociedades xustas que partillan un mesmo sistema educativo, as liberdades que esixen non sermos discriminados no noso País por  falarmos e vivirmos na  nosa lingua e o sentidiño de non substituir o noso pola voracidade extractiva dos que queren empobrecer e someter este País.

*Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.