AS INCÓGNITAS DAS URNAS GALEGAS DO 28 DE ABRIL.-Xesús Veiga*

Até o ano 2015 a singularidade do subsistema político galego radicaba na presenza dunha forza nacionalista -o BNG- que viña obtendo representación no Congreso dende 1996 e que relativizaba, dese xeito, a hexemonía bipartidista exhibida polo PP e o Partido Socialista nas últimas décadas. A partir das xerais de 2015 -e da repetición electoral de Xuño de 2016- rexístranse dúas circunstancias combinadas: as forzas maioritarias perden peso -aínda que nunha menor proporción que no conxunto estatal- e o BNG é substituído por unha coalición -En Marea- que agrupaba a persoas identificadas coa vella EU, a outras asociadas a Podemos e un continxente procedente do universo nacionalista.

 A vindeira cita do 28-A presenta, no caso galego, unha novidade relevante: a creba do espazo unitario que simbolizou, hai tres anos, En Marea. A diferenza do que ocorre noutros territorios do Estado, aquí existen tres candidaturas -En Marea, Unidas Podemos e BNG- que compiten polos votos de quen se atopan en coordenadas de esquerda e/ou nacionalistas non identificadas co que representa o PSdG. Nun plano descritivo, pódese afirmar que a importante -e novidosa- división constatada na dereita ten un correlato, mesmo incrementado, na outra parte do escenario político. Esta circunstancia pode propiciar un reforzamento das expectativas electorais das candidaturas socialistas, beneficiarias dunha dupla tendencia: os réditos derivados da estancia de Pedro Sánchez na Moncloa e a transferencia de votantes procedentes da súa esquerda, desencantados coa división das ofertas e precavidos ante o medre da extrema dereita.

 En poucos días, sairemos de dúbidas. Coñeceremos a dimensión cuantitativa desa previsíbel suba do Partido Socialista. Veremos a entidade da perda xeral que se prognostica para o PP e, xa que logo, a capacidade de resistencia de Feijóo para demostrar que, neste eido, “Galiza is different”.E por último -mais non o menos importante- saberemos se alguén obtén escanos no ámbito das candidaturas de EM, UP e BNG.

 Algo é seguro, en todo caso: o mapa político do 2016 non se repetirá.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC

 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.