RUBALCABA NO RÉXIME DO 78.-Xoán Antón Pérez-Lema*

Un bó amigo de meu, intelixente canda Rubalcaba, di con sentidiño que os políticos cando marchan da política ou, máis aínda, cando morren non haberían ser xulgados dun xeito moi rigoroso. E eu concordo con él totalmente.

Rubalcaba retirouse hai anos e fuxiu das portas xiratorias para voltar ser profesor titular universitario de Química Orgánica, a súa profesión de orixe (malia que levaba case trinta anos na poítica, a súa grande vocación). Mais a Xefatura do Estado, o presidente do Goberno, a súa familia e os partidos todos do réxime unionista do 78 conviron facerlle unha homenaxe política, de certo ben xustificada, mais que permite a veda da análise rigorosa dos fas e dos nefas do político falecido.

Rubalcaba era moi listo e, xa que logo, moi pouco dogmàtico, malia que amosou a vea xacobina que caracterizou a súa xeración no PSOE. Seica non tivo nada a ver coa xénese e evolución do GAL, como lle teñen acusado algúns. Si tivo ben a ver coa fin da ETA, como ministro do Interior que intelixentemente posibilitou o autodesarme decidido polos etarras e nomeadamente causado pola deserción da súa base social abertzale.

O socialista reivindicou con acerto a supresión das provincias na campaña das estatais do 2011, estrutura conservada a mantenta polo unionismo para enfeblecer, naqueles primeiros oitenta, aos Gobernos catalán e galego. Mais foi peza esencial da reforma, en outubro de 2011, do artigo 135 da Constitución para priorizar o pagamento dos xuros da débeda pública aos servizos sociais e públicos, unha decisión que abriu de vez a porta á política austericida de Rajoy.

Canto ao dereito a decidir e mesmo a ampliación do autogoberno das nacións do Estado, Rubalcaba sempre estivo enfronte, como nos ven de contar o antigo president de ERC, Joan Puigcercòs. En realidade, o “cepillado” do Estatut na Comisión Constitucional do Congreso foi máis cousa de Rubalcaba ca de Guerra. Tamén estivo Rubalcaba fronte á proposta de reforma do Estatuto vasco de Ibarretxe e contra da ampliación do autogoberno galego, malia os esforzos do despois ministro de xustiza, o federalista galego Fran Caamaño.

Homenaxeou o réxime do 78  un dos seus máis sabentes cerebros. Normal. Velaí a necesidade de termos presentes sempre aos que fixeron posíbel, nestes anos, o autogoberno galego dende parámetros nunca partillados polo unionismo do réxime do 78. Patriotas galegos coetáneos de Rubalcaba como Bautista Alvarez, Ceferino Díaz,  Domingos Merino ou Xosé H. Rodíguez Peña.

Que a terra lles sexa leve a todos…

*Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.