30 ANOS  DESPOIS DA  CAÍDA DO MURO: AGARDANDO UNHA ALTERNATIVA.-Xesús Veiga*

 

A cita electoral do 10- N agachou, en certa medida, a atención mediática sobre o aniversario da histórica desaparición do muro de Berlín.

Máis aló das anécdotas vividas durante o propio 9 de novembro de 1989, aquel acontecemento representou o comezo do remate dun sistema que nacera co triunfo da revolución soviética na Rusia  zarista de 1917 e que coñecera un forte impulso na Europa do leste como consecuencia da derrota do nazismo a partir de 1945. Durante máis de 70 anos, o modelo capitalista que se construíu durante moitas décadas no territorio europeo tivo unha resposta no chamado socialismo real, un intento de ordenar as relacións sociais e económicas en base a criterios e valores diverxentes dos que se coñeceron ata entón no mundo máis desenvolvido.

 

O fracaso do modelo soviético foi bastante analizado nos ámbitos académicos e nunha parte significativa da esquerda menos vinculada á ortodoxia que emanaba dos círculos dirixentes de Moscova. Con todo, naqueles sectores que se sentían máis identificados co “bloque socialista” -os tradicionais partidos comunistas dos países occidentais e algunhas forzas que naceran na década dos sesenta- a sorpresa e o desconcerto polo sucedido  cortocircuitaron unha reflexión suficientemente profunda sobre as deficiencias e os erros que presidiron o labor das  elites dirixentes daqueles partidos “irmáns” do leste europeo. A tentación  conspiranoica instalouse en demasiadas persoas e ocasións: a explicación do derrube buscouse nos efectos da estratexia de guerra fría deseñada por Washington a partir do final da II Guerra Mundial. Segundo esta versión, a chave estivera nos acertos alleos máis que nos erros propios. Esta incapacidade autocrítica erosionou gravemente a credibilidade das organizacións políticas herdeiras do mundo soviético.

 

A caída do muro de Berlín levou a Francis  Fukuyama a profetizar o fin da evolución histórica e o triunfo definitivo da democracia liberal. Para outros pensadores situados en parámetros de esquerda, o fracaso do comunismo soviético constituía un incentivo propicio para conseguir o fortalecemento dos partidos socialdemócratas por canto estes encarnaban unha alternativa máis sólida á orde capitalista que habitualmente defendían os partidos liberais e conservadores.

 

Trinta anos despois de semellantes predicións, a realidade mundial -e, máis concretamente, a que  se refire aos países máis desenvolvidos do planeta- dista moito de atopar unha orde social capaz de harmonizar a creación de riqueza, a redución das desigualdades entre as persoas e os territorios ademais da consolidación de réximes democráticos de calidade.

 

Que persoas tan significativas como Sarkozy e Ana Patricia Botín postulasen -máis ou menos recentemente- a necesaria  refundación do capitalismo certifica que a pervivencia deste modelo fronte ao que rexía na  URSS non provocou a mellora das condicións de vida e de traballo que moitos prognosticaran. O estado de prostración notábel no que se atopa a socialdemocracia europea é outra proba contundente da carencia dunha alternativa esperanzadora ás miserias do presente.

*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC.

 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.