PROMOVERMOS O GALEGO NO EIDO XURÍDICO.-Xoán Antón Pérez-Lema*

Neste país os administrados e os seus avogados temos pleno dereito ao uso da nosa lingua perante todas as Administracións, dacordo coas leis galega de normalización lingúistica, estatal de procedemento administrativo común e orgánica do poder xudicial e coa Carta Europea das Linguas Minorizadas. Este dereito adoita ser limitado na praxe ou mesmo descoñecido na Administración periférica do Estado (nomeadamente perante a Axencia Estatal Tributaria-AEAT e a Administración da Seguridade Social) e tamén na Administración de Xustiza.

 No que atinxe á Administración de Xustiza son xeralizadas as críticas do Consello de Europa á limitación ao uso do galego nos nosos Tribunais, nomeadamente i) polas deficiencias no coñecemento activo da linguaxe xurídica galega por sectores importantes do persoal da nosa Oficina Xudicial e dos propios maxistrados, xuices e letrados da Administración xudicia e ii) pola inacción da Xunta de Galicia, que dende a reforma orgánica e funcional da oficina xudicial en maio de 2010 deixou de fornecer as ferramentas informáticas precisas para que os distintos operadores xudiciais poidan desenvolver o seu traballo en galego.

 

Esta minorización determina que unha lingua de uso relativamente  amplo na vida social e mesmo económica como o galego estea practicamente arrumbada canto ao seu uso xudicial. Os xusticiábeis perceben esta minorización, perceben que ás veces o uso do galego na xustiza pode ser un problema e deciden axeitarse ao clima para evitar atrasos na resolución das importantísimas cuestións persoais e económicas que someten á decisión da xustiza. Por moi concienciados que estean. Eles e máis os seus avogados.

 

Velaí que precisemos de dúas liñas de solución. Por unha banda garantirmos o coñecemento abondo (activo e pasivo) da linguaxe xurídica galega por parte dos maxistrados, xuices, fiscais, letrados da administración de xustiza e persoal dos corpos de xestión, tramitamento e auxilio que prestan os seus servizos neste País, así como por parte dos novos avogados no exame de acceso á profesión. Por outra banda, que a Xunta de Galicia, titular da competencia exclusiva nos medios materiais e personais da Administración de Xustiza, forneza axiña ao persoal xudicial todo das ferramentas informáticas precisas para desenvolver o seu labor. Facendo, por certo, o que nunca fixo o Goberno de Núñez Feijóo.

*Xoán Antón Pérez-Lema, avogado e analista político. 

 

 

Acerca de Contraposición

Un Foro de Estudios Políticos (FEP) que aspira a centrar el debate sobre los diversos temas que afectan a la sociedad desde la transversalidad, la tolerancia, la libertad de expresión y opinión. Desvinculado de corrientes políticas o ideologías organizadas, pero abierto a todas en general, desde su vocación de Librepensamiento, solo fija como límite de expresión, el respeto a las personas y a la convivencia democrática. El FEP se siente vinculado a los valores republicanos, laicos y civilistas como base de una sociedad de librepensadores sólidamente enraizada en los principios de Libertad, Igualdad, Fraternidad.
Esta entrada fue publicada en ARTÍCULOS DE OPINIÓN. Guarda el enlace permanente.