De non existir a grave crise sanitaria -con todas as importantes secuelas sociais, económicas e políticas- que estamos a vivir, a actualidade política española sufriría un shock de gran impacto como consecuencia do comunicado emitido pola Casa Real para dar conta da retirada da asignación económica pública ao anterior monarca e a renuncia do actual xefe do Estado á herdanza paterna que puidese corresponderlle.
Este anuncio oficial revela que a Casa Real dá verosimilitude ás informacións -e ás primeiras actuacións xudiciais orixinadas polas mesmas- que establecen a participación de Juan Carlos de Borbón en prácticas financeiras presuntamente ilegais e, en todo caso, incompatíbeis co máis elemental criterio de comportamento ético esixíbel a unha persoa da súa condición. O actual Rei decide establecer un público e notorio cortalumes co seu proxenitor para tratar de minimizar a contaminación deses feitos sobre a propia institución monárquica.
A gravidade deste asunto é innegábel e vai requirir actuacións específicas no ámbito xudicial e no das institucións políticas. Non se pode entender, nun sistema democrático, que unha crise desta natureza non se poida abordar e investigar no seo do poder lexislativo, peza básica do edificio representativo da soberanía popular. Non estamos ante as peripecias protagonizadas por un cidadán calquera senón pola persoa que ocupou -dende 1976 ate o ano 2014- o cimo da pirámide xerárquica vixente no Estado español.
Cando se coñeceu a participación de Iñaki Urdangarín en diversos casos de corrupción, as persoas máis descridas tiveron que admitir -alén das incidencias concretas dos procedementos penais- a existencia dunha grave patoloxía moral no interior das elites españolas. O caso do chamado Rei emérito ratifica a enorme dimensión do sucedido. Asistimos ao espectáculo dunha cobiza desmedida sumada á convicción de posuír unha impunidade baseada nos silencios cómplices rexistrados no establishment económico, político e mediático.
Para millóns de habitantes do Estado español derrubouse o mito do Rei que pilotou unha exemplar transición dende a ditadura franquista ao réxime constitucional de 1978. As persoas que entón desexabamos un sistema de goberno republicano nunca nos puidemos imaxinar que a maior crise reputacional da monarquía chegaría polos carreiros que estamos a coñecer. Certamente, a historia non está escrita para sempre.
*Xesús Veiga, economista, ex-deputado do Parlamento de Galicia, profesor xubilado da USC.